A Xunta avalía coa asociación Doa o transcurso dos seus programas de acompañamento e atención á saúde mental
A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, destacou o compromiso do Executivo galego co tecido asociativo na atención ás persoas que máis o precisan
Vigo, 30 de xullo de 2025
A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, visitou a asociación Doa en Vigo, que dispón de diferentes programas de apoio e atención ás persoas con problemas de saúde mental e que contan co apoio económico da Xunta.
Neste encontro, a directora xeral puxo en valor o traballo que desenvolve esta entidade, que forma parte da Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (Feafes), e que se caracteriza polo acompañamento integral ás persoas que sofren problemas relacionados coa saúde mental. Ademais desta atención, a entidade supón, dixo Abeijón, un piar fundamental na promoción da súa autonomía.
Begoña Abeijón destacou o compromiso do Executivo galego co tecido asociativo na atención ás persoas con discapacidade. Deste xeito, recalcou que grazas á colaboración coas entidades sociais garántese a mellor atención e benestar ás persoas que máis o precisan.
A Consellería de Política Social e Igualdade colabora con esta entidade a través do financiamento de programas de acompañamento e intervención a persoas con problemas de saúde mental en contornas rurais, programas de fomento de habilidades, competencias e redes de apoio familiares e programas de lecer e tempo libre.