Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 00.00 h. de hoxe

Segue activo o incendio forestal do concello pontevedrés da Cañiza, parroquia do Couto, no que se decretou a Situación 2 como medida preventiva e que afecta unha superficie estimada de 200 hectáreas

O incendio forestal de Arbo, parroquia homónima, mantense activo despois de iniciarse o martes ás 18.23 horas

Deuse por extinguido ás 21.37 horas de onte o incendio forestal do municipio pontevedrés de Meaño, parroquia de Xil, que finalmente afectou unha superficie de 82,89 hectáreas de superficie

Xa volve estar estabilizado dende as 21.54 horas o lume do municipio ourensán de Carballeda de Avia, parroquia de Carballeda, que segundo as últimas estimacións rolda as 20 hectáreas

O incendio da localidade lucense de Carballedo, parroquia de San Mamede de Lousada, está controlado dende as 21.15 horas e afecta unha superficie dunhas 16 hectáreas

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2025

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 00.00 horas de hoxe xoves.

Activo A Cañiza-O Couto

Segue activo o incendio forestal do concello pontevedrés da Cañiza, parroquia do Couto, no que se decretou a Situación 2 como medida preventiva. Esta situación operativa de emerxencia declarouse pola proximidade do lume ao núcleo de poboación de Nogueiró. Así mesmo, por parte da Dirección Xeral de Emerxencias decretouse o confinamento da poboación de sete núcleos e xerouse o aviso a través do sistema ES-Alert.

O lume iniciouse ás 16.23 horas de onte e segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 200 hectáreas. Polo de agora, mobilizáronse para a súa extinción 11 axentes, 19 brigadas, 11 motobombas, 5 pas, 6 técnicos, 6 unidades técnicas de apoio, 5 avións e 8 helicópteros. Ademais, solicitouse por parte da Xunta a incorporación aos labores de extinción de efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Activo Arbo-Arbo

O incendio forestal de Arbo, parroquia homónima, mantense activo despois de iniciarse o martes ás 18.23 horas. Neste lume foi preciso decretar a Situación 2 pola súa proximidade a núcleos de poboación, unha situación operativa de emerxencia que foi desactivada ás 23.55 horas do martes. Segundo as últimas estimacións provisionais, este incendio afecta arredor de 8 hectáreas. Polo de agora mobilizáronse para a súa extinción 1 técnico, 6 axentes, 16 brigadas, 10 motobombas e 2 helicópteros.

Extinguido Meaño-Xil

Deuse por extinguido ás 21.37 horas de onte o incendio forestal do municipio pontevedrés de Meaño, parroquia de Xil, que finalmente afectou unha superficie de 82,89 hectáreas de superficie arborada. O lume iniciouse ás 00.11 horas do martes e para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 2 técnicos, 12 axentes, 15 brigadas, 15 motobombas, 3 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 4 helicópteros e 3 avións.

Estabilizado Carballeda de Avia-Carballeda

Xa volve estar estabilizado dende as 21.54 horas o lume do municipio ourensán de Carballeda de Avia, parroquia de Carballeda, que segundo as últimas estimacións rolda as 20 hectáreas. Este incendio iniciouse ás 12.59 horas do martes e para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 5 técnicos, 24 axentes, 36 brigadas, 20 motobombas, 3 pas, 1 tractor, 4 helicópteros e 8 avións.

Controlado Carballedo-San Mamede de Lousada

O incendio da localidade lucense de Carballedo, parroquia de San Mamede de Lousada, está controlado dende as 21.15 horas. O lume, que comezou ás 16.41 horas do martes, afecta unha superficie dunhas 16 hectáreas. Ata o de agora mobilizáronse para o seu control extinción 1 técnico, 12 axentes, 21 brigadas, 23 motobombas, 2 pas, 3 helicópteros e 3 avións.

Controlado Salvaterra-Pesqueiras

Permanece tamén controlado, desde as 20.48 horas do martes o lume do concello pontevedrés de Salvaterra de Miño, parroquia de Pesqueiras, que segundo as últimas estimacións afecta unhas 47 hectáreas de superficie arborada. O incendio comezou ás 15.45 horas do luns e polo de agora mobilizáronse para a súa extinción 4 técnicos, 16 axentes, 28 brigadas, 21 motobombas, 3 pas, 1 unidade técnica de apoio, 8 helicópteros e 9 avións.

 A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.

Data de actualización: 31/07/2025