Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 08.30 h. de hoxe
Continúa activo o incendio forestal do concello pontevedrés da Cañiza, parroquia do Couto, no que se decretou a Situación 2 como medida preventiva e que afecta unha superficie estimada de arredor de 200 hectáreas. A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior desactivou o confinamento da poboación, que se decretara onte como medida de precaución en sete núcleos de poboación
Segue tamén activo o incendio forestal de Arbo, parroquia homónima, despois de iniciarse o martes ás 18.23 horas
Permanece estabilizado dende as 21.54 horas de onte mércores o lume do municipio ourensán de Carballeda de Avia, parroquia de Carballeda, que segundo as últimas estimacións rolda as 20 hectáreas
Segue controlado dende as 21.15 horas o incendio da localidade lucense de Carballedo, parroquia de San Mamede de Lousada, que afecta unha superficie dunhas 16 hectáreas
Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2025
A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 08.30 horas de hoxe xoves.
Activo A Cañiza-O Couto
Continúa activo o incendio forestal do concello pontevedrés da Cañiza, parroquia do Couto, no que se declarou a Situación 2 como medida preventiva. Esta situación operativa de emerxencia decretouse pola proximidade do lume ao núcleo de poboación de Nogueiró. A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior desactivou esta mañá o confinamento da poboación de sete núcleos, que se activara onte á noite como medida preventiva. En ambos casos, o aviso xerouse por medio do sistema ES-Alert.
Este lume iniciouse ás 16.23 horas de onte mércores e segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 200 hectáreas. Polo de agora, mobilizáronse para a súa extinción 13 axentes, 25 brigadas, 15 motobombas, 5 pas, 6 técnicos, 6 unidades técnicas de apoio, 5 avións e 8 helicópteros. Ademais, incorporáronse aos labores de extinción efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Activo Arbo-Arbo
Segue activo o incendio forestal de Arbo, parroquia homónima, despois de iniciarse o martes ás 18.23 horas. Neste lume foi preciso decretar a Situación 2 pola súa proximidade a núcleos de poboación, unha situación operativa de emerxencia que foi desactivada ás 23.55 horas do martes. Segundo as últimas estimacións provisionais, este incendio afecta arredor de 8 hectáreas. Polo de agora mobilizáronse para a súa extinción 1 técnico, 6 axentes, 18 brigadas, 12 motobombas e 2 helicópteros.
Estabilizado Carballeda de Avia-Carballeda
Volve estar estabilizado, dende as 21.54 horas de onte, o lume do municipio ourensán de Carballeda de Avia, parroquia de Carballeda, que segundo as últimas estimacións rolda as 20 hectáreas. Este incendio iniciouse ás 12.59 horas do martes e para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 6 técnicos, 26 axentes, 44 brigadas, 24 motobombas, 3 pas, 1 tractor, 4 helicópteros e 8 avións.
Controlado Carballedo-San Mamede de Lousada
O incendio da localidade lucense de Carballedo, parroquia de San Mamede de Lousada, permanece controlado dende as 21.15 de onte. O lume, que comezou ás 16.41 horas do martes, afecta unha superficie dunhas 16 hectáreas. Ata o de agora mobilizáronse para o seu control extinción 1 técnico, 13 axentes, 21 brigadas, 24 motobombas, 2 pas, 3 helicópteros e 3 avións.
Controlado Salvaterra-Pesqueiras
Continúa tamén controlado, desde as 20.48 do martes, o lume do concello pontevedrés de Salvaterra de Miño, parroquia de Pesqueiras, que segundo as últimas estimacións afecta unhas 47 hectáreas de superficie arborada. O incendio comezou ás 15.45 horas do luns e polo de agora mobilizáronse para a súa extinción 4 técnicos, 16 axentes, 28 brigadas, 21 motobombas, 3 pas, 1 unidade técnica de apoio, 8 helicópteros e 9 avións.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.