Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 08.30 h. de hoxe

Continúa activo e en Situación 2, con carácter preventivo, o incendio forestal do concello pontevedrés da Cañiza, parroquia do Couto, que afecta unha superficie estimada de arredor de 300 hectáreas

Está controlado desde as 22.19 de onte xoves o incendio forestal de Arbo, parroquia homónima, que afecta arredor de 8 hectáreas, segundo as últimas estimacións provisionais

Deuse tamén por controlado, dende as 21.52 horas de onte xoves, o lume do municipio ourensán de Carballeda de Avia, parroquia de Carballeda, que segundo as últimas estimacións rolda as 20 hectáreas

Segue ademais controlado, dende as 21.15 horas do mércores, o incendio da localidade lucense de Carballedo, parroquia de San Mamede de Lousada, que afecta unha superficie dunhas 16 hectáreas

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2025

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 08.30 horas de hoxe venres.

Activo A Cañiza-O Couto, Situación 2

Continúa activo, con evolución favorable, o incendio forestal do concello pontevedrés da Cañiza, parroquia do Couto, no que se mantén declarada a Situación 2 como medida preventiva. Neste lume foi preciso decretar o confinamento da poboación de sete núcleos, por precaución, na noite do mércores. O aviso, que se xerou mediante o sistema ES-Alert, foi desactivado na mañá de onte xoves.

Este lume iniciouse ás 16.23 horas do mércores en ata cinco puntos diferentes de forma case simultánea, o que apunta unha clara intencionalidade. Segundo as últimas estimacións provisionais, afecta unha superficie de arredor de 300 hectáreas. Polo de agora, mobilizáronse para a súa extinción 9 técnicos, 29 axentes, 45 brigadas, 30 motobombas, 5 pas, 7 unidades técnicas de apoio, 7 avións e 10 helicópteros. Ademais, tamén participan nos labores de extinción efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Controlado Arbo-Arbo

Ás 22.19 horas de onte xoves deuse por controlado o incendio forestal de Arbo, parroquia homónima, despois de iniciarse o martes ás 18.23 horas. Neste lume foi preciso decretar a Situación 2 pola súa proximidade a núcleos de poboación, unha situación operativa de emerxencia que foi desactivada ás 23.55 horas do martes. Segundo as últimas estimacións provisionais, este incendio afecta arredor de 8 hectáreas. Polo de agora mobilizáronse para a súa extinción 1 técnico, 6 axentes, 20 brigadas, 13 motobombas e 2 helicópteros.

Controlado Carballeda de Avia-Carballeda

Está tamén controlado, dende as 21.52 horas de onte xoves, o lume do municipio ourensán de Carballeda de Avia, parroquia de Carballeda, que segundo as últimas estimacións rolda as 20 hectáreas e no que, antes deste control, rexistrouse unha reprodución. O incendio iniciouse ás 12.59 horas do martes e para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 5 técnicos, 31 axentes, 52 brigadas, 29 motobombas, 3 pas, 1 tractor, 4 helicópteros e 8 avións.

Controlado Carballedo-San Mamede de Lousada

Permanece tamén controlado, dende as 21.15 horas do mércores, o incendio da localidade lucense de Carballedo, parroquia de San Mamede de Lousada. O lume, que comezou ás 16.41 horas do martes, afecta unha superficie dunhas 16 hectáreas. Ata o de agora mobilizáronse para o seu control 1 técnico, 15 axentes, 27 brigadas, 28 motobombas, 3 pas, 3 helicópteros e 3 avións.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.

Data de actualización: 01/08/2025