A Xunta amplía o percorrido de catro liñas de autobús e crea unha nova liña circular que reforzan o servizo en diversos barrios de Ferrol e na parroquia do Val, en Narón

Créase unha liña circular en Ferrol con máis de 100 servizos á semana que conecta diversos barrios, o centro da cidade, o porto e o polígono da Gándara

Incorpórase a parada na igrexa de San Xoán en dúas liñas entre o porto e o Hospital Novoa Santos

Amplíase o percorrido na parroquia do Val, en Narón, con tres paradas máis en dúas liñas que teñen saída de San Xiao-Ferrol

Todas estas modificacións teñen vixencia desde o día de hoxe

Ferrol, 1 de agosto de 2025

A Xunta reforza desde hoxe o servizo de autobús en diversos barrios de Ferrol e na parroquia do Val, en Narón, coa ampliación do itinerario de catro liñas de autobús e a creación dunha nova liña circular.

Coas melloras que se incorporan á concesión do autobús metropolitano de Ferrol, a Xunta, a través da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, atende ás peticións dos Concellos de Ferrol e Narón e as demandas da veciñanza para reforzar o servizo de transporte público en determinadas áreas de ambos municipios.

No ámbito de Ferrol, créase unha liña circular que realizará 18 paradas pola cidade. A liña circular terá saída de San Xoán cara á rúa Río Xubia, a estación de ferrocarril, o barrio da Madalena e o porto e continuará o percorrido cara á parada de orixe pasando pola praza de Galicia, o mercado de Recimil, a estrada de Castela e o polígono da Gándara.

Na nova liña Circular Ensanche funcionarán máis de 100 servizos á semana, 15 de luns a venres laborables e 13 os sábados, domingos e festivos. Estes servizos terán unha duración de 45 minutos e unha frecuencia de saída cada hora desde as 7,00 ata as 21,00 horas entre semana e das 8,00 ás 20,00 horas as fins de semana e festivos.

Tamén en Ferrol, incorpórase a parada Igrexa San Xoán en dúas liñas que conectan o porto e o Hospital Novoa Santos en ambos os sentidos, nas que se prestan 37 servizos ao día de luns a venres.

En Narón, amplíase o percorrido na parroquia do Val de dúas liñas que teñen saída do Mercado San Xiao, en Ferrol, coa incorporación das paradas Cruce Mañón, Casa Grandal e Baltar. En conxunto, as liñas ofrecen 9 servizos ao día de luns a venres, 5 os sábados e 4 os domingos. Ademais, coa nova configuración destas liñas, os servizos que saen da parroquia do Val cara a Ferrol, pasarán a saír da parada da Cooperativa O Val.

A información actualizada sobre os servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/08/2025