Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 21.00 h. de hoxe

Activo un incendio forestal no concello coruñés de Camariñas, parroquia de Xaviña, no que se decretou a Situación 2 como medida preventiva, pola súa proximidade ao núcleo de Pedrouso, e que afecta unha superficie de arredor de 20 hectáreas

Continúa activo o incendio forestal no concello de Ponteceso, parroquia de Corme Aldea, no que se mantén declarada a Situación 2 como medida preventiva pola súa proximidade ás vivendas da propia aldea e no que se solicitou a intervención da Unidade Militar de Emerxencias (UME)

Segue activo tamén un incendio no concello da Fonsagrada, parroquia de Monteseiro, iniciado ás 15.30 horas de hoxe e afecta, segundo as últimas estimacións, unha superficie de arredor de 60 hectáreas

Desde as 23.32 do domingo permanece estabilizado outro incendio en Ponteceso, parroquia de Brantuas, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 170 hectáreas

Permanece controlado desde as 20.09 de onte o lume forestal da parroquia da Graña, tamén en Ponteceso, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de preto de 100 hectáreas

Ás 20.25 horas quedou controlado o incendio rexistrado hoxe no concello de Mondariz, parroquia de Riofrío, que segunda as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 20 hectáreas

Mantense controlado desde as 21.47 horas de onte o incendio do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Terroso, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 570 hectáreas

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2025

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 21.00 horas de hoxe martes.

Activo Camariñas-Xaviña, Activada Situación 2

Está activo un incendio forestal no concello coruñés de Camariñas, parroquia de Xaviña, no que se decretou a Situación 2 como medida preventiva pola súa proximidade ás vivendas, máis concretamente ao núcleo de Pedrouso. O lume iniciouse ás 16.57 horas e afecta unha superficie de arredor de 20 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse ata o momento 1 técnico, 3 axentes, 3 brigadas, 3 motobombas e 1 helicóptero.

Activo Ponteceso-Corme Aldea, Activada Situación 2

Segue activo o incendio forestal no concello coruñés de Ponteceso, parroquia de Corme Aldea, no que se decretou a Situación 2 como medida preventiva pola súa proximidade ás vivendas da propia aldea. O lume iniciouse ás 14.12 horas de hoxe e, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de máis de 20 hectáreas.

Ata o momento, para a súa extinción mobilizáronse 1 técnico, 7 axentes, 10 brigadas, 9 motobombas, 2 pas e 3 unidades técnicas de apoio. Ademais, veñen de incorporarse aos labores de extinción 2 avións, que están operando na zona malia que as condicións climatolóxicas non son favorables para os medios aéreos. Tamén se solicitou por parte da Xunta a incorporación aos labores de extinción de efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Estabilizado Ponteceso-Brantuas

Desde as 23.32 do domingo permanece estabilizado outro incendio neste mesmo concello, parroquia de Brantuas, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 170 hectáreas. O lume comezou ás 20.30 horas do pasado sábado e, polo de agora, mobilizáronse para a súa extinción 5 técnicos, 22 axentes, 25 brigadas, 17 motobombas, 2 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 3 helicópteros e 11 avións.

Controlado Ponteceso-A Graña

Segue controlado desde as 20.09 de onte o lume forestal da parroquia da Graña, tamén en Ponteceso, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de preto de 100 hectáreas. O incendio comezou ás 00.30 horas da madrugada do domingo e para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 3 técnicos, 21 axentes, 24 brigadas, 24 motobombas, 2 unidades técnicas de apoio e 9 helicópteros.

Activo A Fonsagrada-Monteseiro

Mantense activo o incendio forestal no concello lucense da Fonsagrada, parroquia de Monteseiro, que se iniciou ás 15.30 horas de hoxe e o que, segundo as últimas estimacións, afecta arredor de 60 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, ata o momento, 3 técnicos, 5 axentes, 8 brigadas, 10 motobombas, 3 pas, 6 helicópteros e 7 avións.

Controlado Mondariz-Riofrío

Controlado desde as 20.25 horas o incendio rexistrado hoxe no concello de Mondariz, parroquia de Riofrío. O lume iniciouse ás 00.20 horas da madrugada deste martes e, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de arredor de 20 hectáreas. Ata o momento mobilizáronse 1 técnico, 6 axentes, 13 brigadas, 12 motobombas, 2 pa e 1 helicóptero.

Controlado Vilardevós-Terroso

Mantense controlado desde as 21.47 horas de onte o incendio do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Terroso, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 570 hectáreas. Neste incendio foi preciso decretar a Situación 2 pola súa proximidade a núcleos de poboación, unha situación operativa de emerxencia que foi desactivada ás 22.15 horas do domingo.

O incendio iniciouse ás 23.04 horas do pasado venres e para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 12 técnicos, 56 axentes, 83 brigadas, 54 motobombas, 6 pas, 12 helicópteros e 12 avións. Ademais, tamén participaron nos labores de extinción de efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.

Data de actualización: 05/08/2025