A Xunta abre ao público desde hoxe as prazas de aparcamento do Instituto Ollos Grandes, en Lugo
O delegado territorial, Javier Arias, explicou que en agosto e durante as fins de semana e festivos do ano serán accesibles as 24 horas, e de luns a venres pola tarde ata as 23,30 horas
Lugo, 6 de agosto de 2025
A Xunta de Galicia abre ao público desde hoxe o aparcamento do instituto Nosa Señora dos Ollos Grandes, en Lugo, poñendo a disposición da cidadanía unha trintena de prazas no centro da cidade.
O delegado territorial, Javier Arias, explicou que durante o mes de agosto estará aberto as 24 horas, ao igual que durante as fins de semana e festivos de todo o ano. Nos días laborables a apertura comprenderá desde as 15,30 ás 23,30 horas excepto os mércores, cando se atrasa ata as 18,30 porque hai actividade lectiva.
Durante a visita ao recinto, Arias estivo acompañado por representantes da asociación de veciños de Recatelo, que agradeceron o esforzo da Xunta para facilitar o aparcamento na zona.
O delegado destacou a amplitude do horario, “que permite estacionar durante toda a fin de semana e os días de festa, e a diario prolóngase case ata medianoite, co fin de dar as maiores facilidades aos usuarios”.
Neste sentido, apelou á necesidade de respectar o normal desenvolvemento do traballo no centro, que obriga a establecer límites horarios e a reservar sete das 34 prazas existentes para o persoal e para os membros da comunidade educativa en xeral que acoden polas tardes, para labores de limpeza, xestión, reunións de claustro, consello escolar ou actividades complementarias.
O delegado estivo estes días en contacto coa Policía Local para ultimar cuestións de seguridade viaria, dado que se incrementará o tráfico de entrada e saída de vehículos neste punto da avenida Ramón Ferreiro, habitualmente moi transitada por peóns.
Ao respecto, lembrou que a Xunta sempre defendeu como requisito previo ineludible a sinatura do convenio co Concello de Lugo, porque achega seguridade xurídica á hora de actuar ante calquera infracción ou incidente, ao cubrir o baleiro legal sobre as súas competencias en espazos urbanos que non son de titularidade municipal.
Arias apuntou que tamén se abrirá ao público proximamente o parking do IES Lucus Augusti, sumando así unha oferta de máis de 60 prazas para axudar a paliar o problema de falta de aparcamento no centro de Lugo.
Este instituto está sendo obxecto dunha profunda renovación, na que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional inviste 3,3 millóns de euros. Está previsto que as obras rematen a principios de curso e será entón cando se establezan as condicións de uso do aparcamento e se habilite o acceso.
En todo caso, o delegado afirmou que a Xunta actuará coa mesma dilixencia coa que procedeu a acondicionar e abrir as instalacións do Ollos Grandes tan pronto se asinou o convenio co Concello.
Así mesmo, solicitou tamén dilixencia aos responsables municipais para recibir e poñer en funcionamento o parking disuasorio da avenida de Breogán, no que a Xunta leva investidos máis de 1,2 millóns de euros. Arias sinalou que o Goberno galego leva meses agardando unha resposta do Concello para darlle uso a esta infraestrutura.