O presidente da Xunta visitou en Verín a XVIII Feira do Viño de Monterrei

Rueda destaca o sector vitivinícola como “marca de identidade” da Galicia Calidade

Subliña o traballo das denominacións de orixe para “poñer en valor os viños de cada zona” e salienta o auxe do enoturismo na Comunidade

Verín (Ourense), 10 de agosto de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou hoxe durante a súa visita á XVIII Feira do Viño de  Monterrei a relevancia do sector vitivinícola como “marca de identidade” da Galicia Calidade e “un dos sectores que máis nos identifica”.

Rueda, que estivo acompañado pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez, resaltou o apoio da Xunta “a todo o que xira arredor do viño”, facendo mención tanto a adegueiros e viticultores como ao eido do enoturismo. Subliñou así mesmo a colaboración coas denominacións de orixe, “que son fundamentais para poñer en valor os viños en cada zona”.

 A XVIII Feira do Viño de  Monterrei, que conta coa colaboración da Xunta de Galicia, reúne desde o pasado venres á maioría das bodegas desta denominación de orixe (DO), que abrangue os municipios de Verín, Monterrei, Vilardevós, Riós, Oímbra e Castrelo do Val. A produción desta DO segue nos últimos anos un crecemento constante, superando a colleita do ano pasado por primeira vez os 7 millóns de quilos de uva (7.694.464 kg).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/08/2025