A Consellería de Sanidade publica a orde de subvencións para realización de programas de carácter sociosanitario

Para o financiamento destas axudas está previsto un orzamento de 300.000 euros

Os programas están destinados a realizar actividades no proceso de atención e rehabilitación de persoas enfermidades neurodexenerativas, trastorno do espectro autista, dano cerebral adquirido, parálise cerebral, enfermidades raras, epilepsia, linfedema ou síndrome de Down

Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2025

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, unha Orde da Consellería de Sanidade pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para entidades privadas sen ánimo de lucro co fin de realizar programas de carácter sociosanitario.

Para o financiamento destas axudas está previsto un orzamento de 300.000 euros.

Estes programas están destinados a realizar actividades no proceso de atención e rehabilitación de persoas con especiais necesidades de atención sociosanitaria asociadas ás enfermidades neurodexenerativas (incluíndo alzhéimer, demencia e párkinson), trastorno do espectro autista, dano cerebral adquirido, parálise cerebral, enfermidades raras, epilepsia, linfedema ou síndrome de Down.

A finalidade é aumentar a autonomía, paliar as posibles limitacións e favorecer a rehabilitación e integración das persoas que compoñen os ditos colectivos.

Os programas subvencionables serán de carácter sociosanitario no eido da rehabilitación fisioterapéutica, logopédica, cognitiva, terapia ocupacional e apoio psicolóxico, destinados á atención e rehabilitación dos colectivos correspondentes ás enfermidades referidas.

Data de actualización: 11/08/2025