A Xunta recibe 13 ofertas para executar a obra de construción do instituto domingo Villar de Navia, en Vigo, licitada por case 19 millóns de euros

O obxectivo é comezar este mesmo ano a obra, que conta cun prazo de 18 meses,

Trátase do primeiro instituto de Galicia deseñado seguindo os parámetros académicos, tecnolóxicos e de sostibilidade recollidos no Plan de nova arquitectura pedagóxica e terá capacidade para 700 alumnos

Santiago de Compostela, 11 de agosto

A Xunta recibiu 13 ofertas de empresas para executar a obra de construción do Instituto Domingo Villar de Navia, en Vigo. A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas licitou por preto de 19 millóns de euros (18.768.923€) o proxecto deseñado e financiado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP.

O obxectivo da Xunta é poder comezar este mesmo ano a construción do IES Domingo Villar comezará este mesmo ano, tal e como estaba comprometido e, conta cun prazo de execución de 18 meses.

O futuro IES Domingo Villar, que dará resposta aos veciños de Navia e ás necesidades de escolarización na zona, así como doutros centros da contorna, será o primeiro instituto de Galicia deseñado seguindo os parámetros académicos, tecnolóxicos e de sostibilidade recollidos no Plan de nova arquitectura pedagóxica.

Terá capacidade para arredor de 700 alumnos de ESO e Bacharelato e ocupará unha superficie total de case 8.200 metros cadrados, divididos en edificio principal de aulario, ximnasio, espazos complementarios e biblioteca.

A organización espacial será flexible e versátil, con espazos interactivos para fomentar novos modelos de aprendizaxe, dinámicos e adaptables, na liña dos parámetros do Plan de nova arquitectura pedagóxica. Así mesmo, o centro contará con foros, espazos polivalentes centrais e comúns que permiten expandir as aulas para poder compartir traballos ou experiencias.

O novo edificio será accesible e inclusivo e está pensado para procurar a eficiencia enerxética.

Todas as aulas e zonas sensibles disporán de protección acústica e o proxecto integra a masa arbórea situada ao norte da parcela, de especies autóctonas con valor ambiental e paisaxístico. Este espazo funcionará como eixo vertebrador das circulacións do novo centro e como un patio verde.

O centro estará dotado tamén cunha zona de aparcamento de bicicletas, inmediata ás novas ciclovías do barrio de Navia, para apoiar a nova mobilidade de proximidade.

Encomenda

A licitación destes traballos do IES de Navia por parte da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas responde á encomenda de xestión, coa que se articula un acordo de colaboración entre as consellerías de Educación e Vivenda para posibilitar a construción do centro.

Este proxecto amosa a coordinación entre as dúas consellerías na tramitación dos distintos pasos dos procesos administrativos e construtivos para axilizalos o máximo posible, compaxinando tres trámites: a licenza de obra, a urbanización do polígono e a obra do instituto.

Data de actualización: 11/08/2025