María José Gómez destaca a produción hortícola como a terceira produción máis importante do agro, cun valor económico que supera os 650 M€ anuais

A titular de Medio Rural visitou hoxe a sociedade cooperativa Horsal, unha entidade de referencia na produción hortícola da nosa comunidade

Galicia ocupa a cuarta posición entre as comunidades autónomas en termos de valor económico da súa produción, ao representar o 8,5 % da produción hortícola española, só por detrás de Andalucía, Murcia e Castela-A Mancha

A Xunta conta co Plan Estratéxico da Horta unha estratexia sectorial creada de xeito específico para impulsar este eido e aproveitar as súas potencialidades

Gómez lembrou que as cooperativas como Horsal poden solicitar achegas destinadas ao fomento da utilización de maquinaria agrícola, que acaban de convocarse e contan cun orzamento de 400.000 euros, que pode ser ampliado ata os 3,2 millóns de euros

Cambados (Pontevedra), 28 de xullo de 2025

A Conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou hoxe que o sector hortícola galego sitúase como a terceira produción máis importante do agro galego, que cada ano acada un valor económico que supera os 650 millóns euros. Así o destacou hoxe a titular de Medio Rural nunha visita á sociedade cooperativa Horsal, na localidade pontevedresa de Cambados.

Durante a súa visita polas instalacións, na que estivo acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, destacou que Horsal é unha “asociación de referencia na nosa comunidade”, que conta con catro décadas de experiencia no sector e uns 130 membros.

Sinalou así que cooperativas como Horsal demostran que se pode vivir “no rural e do rural”. María José Gómez asegurou que Galicia conta cun medio rural “diverso e produtivo” que ofrece un amplo abano de posibilidades en eidos como a agricultura, a gandaría ou a elaboración de produtos de calidade diferenciada. No caso concreto da horticultura, Galicia ocupa a cuarta posición entre as comunidades autónomas en termos de valor económico da súa produción, ao representar o 8,5 % da produción hortícola española, só por detrás de Andalucía, Murcia e Castela-A Mancha.

Tendo en conta a importancia deste sector na comunidade, a Consellería do Medio Rural deseñou o Plan Estratéxico da Horta, unha estratexia sectorial creada de xeito específico para impulsar este eido e aproveitar as súas potencialidades. Este Plan, incidiu a conselleira, ten como fin último converter a Galicia nun referente na produción hortícola de calidade e xerar valor económico e emprego no rural galego.

Axudas para o fomento da maquinaria agrícola en réxime asociativo

María José Gómez lembrou tamén que as sociedades cooperativas como Horsal poden solicitar achegas destinadas ao fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo. Estas axudas acaban de convocarse por segunda vez este ano e contan cun orzamento de 400.000 euros, que pode ser ampliado ata os 3,2 millóns de euros.

O importe que poderá recibir cada beneficiario será do 35 % do custo da maquinaria con posibilidade de incrementalo ata o 50 %. Esta liña está destinada a cooperativas agrarias de transformación procedentes de fusión e contribúen notablemente a reducir os custos de produción.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/08/2025