A Xunta colabora co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para promover a implicación da administración local en materia de cooperación e desenvolvemento

O Goberno galego achega 60.000 euros para o desenvolvemento do proxecto O municipalismo, Km. 0 da Cooperación

O obxectivo é mellorar a eficacia das entidades locais para cooperar con terceiros países, no marco da Axenda 2030

Santiago de Compostela, 16 de agosto de 2025

A Xunta colabora co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para impulsar o proxecto O municipalismo, Km. 0 da Cooperación. A través dun convenio, o Goberno galego achegará 60.000 euros co obxectivo de promover a implicación e visibilización da administración local galega en materia de cooperación ao desenvolvemento.

O proxecto pretende fomentar as relacións de solidariedade entre os municipios galegos e os países empobrecidos cuxa lingua oficial sexa a portuguesa. Con este acordo, favorécese que o Fondo Galego poida formar parte dunha nova rede de países lusofalantes para lograr a cooperación técnica entre concellos galegos e administracións destas rexións. Tamén se organizarán diversas actividades de sensibilización e formación das administracións locais galegas ao respecto da cooperación ao desenvolvemento e a Axenda 2030.

Esta colaboración súmase a outras que vén desenvolvendo a Xunta co Fondo Galego a través de diferentes convenios, a meirande parte deles anuais para continuar fortalecendo e apoiando a entidade. O importe das achegas concedidas polo Goberno galego nos ámbitos de sensibilización e fortalecemento a esta entidade entre 2004 e 2024 supera o millón de euros

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade é unha entidade plural que agrupa un total de 121 administracións locais como socias. Comprometida coa idea de cooperar en Galicia para ser máis eficaces ao colaborar con terceiros países, busca impulsar un maior compromiso de cooperación para o desenvolvemento e coa Axenda 2030 das entidades locais.

O V Plan Director da cooperación galega 2023-2026 recoñece o papel do Fondo Galego como entidade para potenciar a cooperación local e para mellorar a súa coordinación e capacidade, por iso o Goberno galego renova o seu compromiso en apoio á consolidación desta entidade como instrumento vertebrador da cooperación municipal.

Data de actualización: 16/08/2025