A Xunta intercepta unha lancha pneumática que pescaba de forma ilegal en augas do Parque Nacional das Illas Atlánticas

Axentes do parque interviñeron tras recibir o aviso dun particular da presencia o luns 18 de agosto dunha embarcación ancorada ao sueste do illote da Herbosa, en Sálvora

Durante o control, constatouse que non contaba con autorización e procedeuse ao comiso dun fusil de pesca de mergullo, polo que se tramitará a correspondente sanción por incumprir o Plan reitor de uso e xestión e a Lei de parques nacionais

Santiago de Compostela, 19 de agosto de 2025

A Xunta interceptou este luns, 18 de agosto, unha lancha pneumática con bandeira portuguesa mentres pescaba de forma ilegal en augas pertencentes ao Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia (PNMTIAG). Durante a intervención, identificouse a dúas persoas a bordo da embarcación e comisouse material de pesca deportiva de mergullo, actividade prohibida especificamente dentro deste espazo protexido.

O operativo de vixilancia activouse o pasado luns a raíz do aviso recibido por parte dun particular advertindo da presencia dunha embarcación ancorada ao sueste do illote da Herbosa, nas inmediacións de Sálvora.

De inmediato, axentes do parque despregados neste arquipélago desprazáronse ata o lugar sinalado, onde localizaron a referida lancha nunha pequena cala de augas pouco profundas e con dous ocupantes: un a bordo e outro realizando pesca submarina con chumbos e fusil. Durante a inspección, o persoal autonómico procedeu a identificar ás dúas persoas e realizou os controis habituais neste tipo de operativos, constatando que non contaban con ningunha autorización nin permiso para estar na zona.

Por este motivo, os axentes do parque nacional, co apoio do servizo de vixilancia da Confraría de Pescadores de Aguiño (Ribeira) e da súa embarcación, procederon a tomar fotografías dos feitos, recompilaron o folio e o resto de datos da lancha e comisaron o fusil de pesca que empregaba un dos seus ocupantes no momento da intervención.

Como próximo paso, desde a dirección do Parque Nacional das Illas Atlánticas procederase a tramitar o inicio do correspondente expediente sancionador por unha presunta infracción do Plan reitor de uso e xestión do PNMTIAG —aprobado mediante decreto en decembro do ano 2018— e da Lei 30/2014 de parques nacionais, que regula en toda España a conservación destes espazos protexidos e da rede que conforman, así como os diferentes instrumentos de coordinación e colaboración existentes.

Neste sentido, cómpre lembrar que tanto o PRUX como a lei estatal prohiben expresamente a caza e a pesca deportivas dentro do ámbito dun parque nacional ao consideralas actividades incompatibles coa protección e conservación dos seus principais valores naturais.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/08/2025