A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, visita a rapazada participante
Lara Meneses destaca a ampla oferta cultural do campamento da Illa de San Simón dentro da campaña de verán da Xunta
A iniciativa ‘Cultura na Illa’ ofrece 120 prazas no marco da programación estival Modo verán activo, que este ano desfrutan 11.630 rapaces e rapazas en toda Galicia
Redondela (Pontevedra), 25 de agosto de 2025
A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, visitou hoxe na Illa de San Simón á rapazada do campamento Cultura na Illa, unha das experiencias que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude incorporou na campaña Modo Verán Activo. Alí, destacou “a ampla programación de actividades culturais deste campamento e das que gardarán recordos, amizades e aprendizaxes para o longo da vida”.
Este campamento de verán que se celebra na Residencia Estela Maris divídese en tres quendas neste mes de agosto, a primeira desde o día 4 e ata o día 11, a segunda desde o 14 ata o 21 do mesmo mes, e a terceira, que se está celebrando nestes intres desde onte día 24 ata o día 31 deste mes de agosto, con 60 participantes entre 14 e 17 anos en cada unha. Así, congréganse nas tres roldas un total de 120 rapaces e rapazas que participarán en actividades náuticas, artístico-teatrais, outras relacionadas coa educación ambiental ou coa historia e a cultura, ademais de realizar diferentes propostas lúdicas como xogos ou tempo libre na praia.
Con esta visita, a directora xeral de Xuventude, quixo saudar á cativada participante na última quenda deste campamento que forma parte da campaña de verán da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Así, cómpre lembrar que este ano, baixo o lema Modo verán activo, ofertáronse nesta modalidade 7.877 prazas, sumando 105 para persoas con discapacidade (no albergue de Gandarío) e 306 prazas de intercambio noutras comunidades para nenos e nenas de 9 a 17 anos.
Trátase dunha cifra que está incluída nas 11.630 prazas que a Xunta convocou na súa programación estival deste 2025, sendo a maior oferta da súa historia, e que abrangue tamén campos de voluntariado, os minicampamentos Coñece Galicia, actividades para maiores de 18 anos ou a posta a disposición das instalacións xuvenís xestionadas pola Administración autonómica para o seu uso.