Máis de 600 persoas habilitáronse como persoal de control de acceso a través dos cursos que oferta a Academia Galega de Seguridade Pública

O ano pasado realizáronse 11 edicións desta formación cunha duración de seis horas 

No primeiro semestre de 2025 xa foron case 400 os alumnos que aprobaron

Santiago de Compostela, 27 de agosto de 2025

Un total de 615 persoas obtiveron ou renovaron ao longo do ano 2024 a súa habilitación como persoal de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas a través dos 11 cursos impartidos na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp). Delas, máis de 200 foron mulleres, o que supón un terzo e demostra que cada vez é maior o número de mulleres que se dedican ao exercicio desta profesión. Ademais, no primeiro semestre de 2025, xa foron 385 os alumnos aprobados nos cursos da Agasp que se están a desenvolver este ano.

Entre as funcións do persoal de acceso atópanse as de controlar a entrada das persoas ao establecemento, comprobar a súa idade e identidade, controlar a adquisición da entrada ou localidade, supervisar que non se exceda a capacidade máxima autorizada no recinto, vixiar que as bebidas non sexan sacadas do local, prohibir o acceso fóra do horario de peche e, incluso, se fose necesario, auxiliar ás persoas que se encontren feridas e chamar ao teléfono de emerxencias correspondente.

Os cursos da Agasp consisten en formacións de seis horas lectivas cunha configuración moi práctica sobre os conceptos básicos que o alumnado precisa á hora de desenvolver as súas funcións. Esta formación substitúe as probas de coñecementos anuais e o test psicolóxico que tiñan que superar os aspirantes antes da actualización, no ano 2021, do decreto de 2010.

Simplificación e axilidade nos procesos

Co obxectivo de solicitar a correspondente habilitación da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior é necesario superar igualmente unha proba de coñecementos ao remate do curso, pero coa formación mensual de seis horas o proceso acúrtase de forma considerable respecto ás probas anuais anteriores á aprobación do Decreto 48/2021.

O Goberno galego contribuíu co decreto aprobado en 2021 a unha regulación dos requisitos que debe cumprir o persoal de acceso máis práctica e adaptada á realidade e á normativa actual. Deste xeito simplifícanse e axilízanse os procesos tanto para a obtención como para a renovación da habilitación reformulando o temario da proba de coñecemento, que inclúe contidos como a normativa de xogo, as medidas de seguridade, os horarios dos establecementos abertos ao público ou o réxime xurídico das persoas menores de idade.

A Xunta actualizou en varias ocasións a normativa desta materia. De feito, antes do 2009 non existía unha norma propia que regulase o exercicio da actividade de control de acceso. Co Decreto 8/2010 superouse ese baleiro normativo autonómico e a inseguridade xurídica. Sete anos máis tarde continuou o avance nesta liña coa creación dun soporte xurídico de máximo nivel coa Lei 10/2017 de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia. Unha norma na que, precisamente, se esixía dispoñer de persoal habilitado no servizo de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas. E, por último, co decreto aprobado en 2021 axilizouse e adaptouse todo o proceso.

Data de actualización: 27/08/2025