A Xunta abre este luns o último prazo de matrícula nas titulacións de FP con prazas libres

Formalizarase nos propios centros ata o vindeiro 26 de setembro e está aberta a calquera persoa interesada, aínda que non realizara solicitude de praza

Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2025

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP abre este luns, 1 de setembro, o último prazo de matrícula para as titulacións de FP que aínda contan con prazas libres. As persoas interesadas deberán formalizar a matrícula no centro educativo e poderán facelo ata o 26 de setembro ás 13,00 horas. Pode facelo calquera persoa, mesmo se non presentou solicitude de praza a principios de verán.

No caso das titulacións con listaxe de espera nas que quedara algunha vacante tras rematar os anteriores prazos de matrícula, os centros con prazas nesta situación efectuarán chamamentos telefónicos ás persoas que corresponda segundo a orde da listaxe. As persoas que acepten a praza terán 24 horas para entregar a documentación no centro e facer a matrícula.

No que atinxe ás titulacións con prazas liberadas por non ter listaxe de agarda, os interesados só terán que achegarse ao centro no que o ciclo ou curso de especialización teña prazas dispoñibles e a inscrición realizarase no propio centro por orde de chegada. A única condición é cumprir os requisitos de acceso para a titulación elixida.

Simultaneidade de estudos

O alumnado que desexe realizar un programa simultáneo de estudos, isto é, cursar á vez dous ciclos formativos distintos, un ciclos e Bacharelato, ou un ciclo e ESO, poderá solicitar a autorización de matrícula simultánea desde o 8 de setembro ata o 12 de setembro ás 13,00 horas.

No caso de que a Inspección Educativa o autorice, o estudante poderá formalizar a matrícula no centro educativo do 16 ao 19 de setembro ás 13,00 horas, sempre que existan prazas dispoñibles e non haxa listaxe de espera na titulación escollida.

Data de actualización: 31/08/2025