O Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica da Xunta acada xa as 3.000 obras en centros educativos cun investimento de máis de 331 M€
O conselleiro de Educación fai balance da folla de ruta do Goberno galego desde 2021 para modernizar colexios e institutos nunha visita ao Colexio de Portonovo
Ademais de actuacións de mellora, rehabilitacións e as pequenas obras do verán, o plan inclúe a construción de catro novos centros, así como a ampliación doutros 48
“Deste xeito non só damos resposta á necesidade de adaptar os centros aos novos tempos, senón que tamén creamos prazas onde é necesario”, di o conselleiro
O 98,5% das obras, case 2.950, están rematadas, en execución e licitadas e prepáranse proxectos para outras 45 actuacións
Sanxenxo (Pontevedra), 30 de agosto de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou hoxe o Colexio Plurilingüe de Portonovo, que está a ver melloradas as súas instalacións ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica. Neste marco, o representante da Xunta fixo balance da aplicación desta folla de ruta do Goberno galego para modernizar colexios e institutos, destacando que, desde a súa posta en marcha en 2021, o plan inclúe xa 2.992 actuacións, cun investimento do Goberno galego de 331,6M€.
Neste sentido, Román Rodríguez explicou que esta programación inclúe tanto obras de mellora e rehabilitación, como a construción e ampliación de centros. Tamén as pequenas e medianas obras do verán, agrupadas no Plan de benestar e accesibilidade na escola, Ben_Estar.
En concreto, ademais do Centro Galego de Innovación da Formación Profesional Eduardo Barreiros (Ourense, inaugurado en 2022), este ano comézanse a construír o novo Colexio do Milladoiro (Ames, 11,6M€), o Instituto Domingo Villar de Navia (Vigo,18,8M€) e está xa proxectado un novo instituto no Pereiro de Aguiar (Ourense, previsión inicial de 9,5M€).
Así mesmo, o plan inclúe a ampliación de 48 centros, das que están en execución 18 e 15 rematadas. Das xa finalizadas, destacan as do CEIP Agro do Muíño (Ames, 3,4M€), IES Pedras Rubias (Salceda de Caselas, 3,2M€), IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez (A Estrada, 3M€), CIFP Carlos Oroza (Pontevedra, 2,7M€), IES Xesús Ferro Couselo (Ourense, 2,7M€). Tamén os novos edificios de cociñas do IES Sanxillao (Lugo, 1,8M€), e de talleres de carpintería do Centro Integrado de FP Politécnico (Lugo, 1,2M€), nestes caso centrados en ciclos de FP.
En canto ás ampliacións en marcha destacan pola seu orzamento a dos IES Plurilingüe Aquis Celenis (Caldas de Reis, 5,4M€), CIFP Fontecarmoa (Vilagarcía de Arousa, 3,7M€), IES Ramón Mª Aller Ulloa (Lalín, 3,4M€), CPI As Mirandas (Ares, 3,1M€), IES Eduardo Pondal (Santiago de Compostela, 3M€), IES Manuel Chamoso Lamas (O Carballiño, 2,4M€), IES de Pastoriza (Arteixo, 2,1M€) e IES Pedro Floriani (Redondela, 1,9M€).
“Deste xeito, non só damos resposta á necesidade de adaptar os centros aos novos tempos, senón que tamén creamos prazas onde é necesario, tanto por unha demanda demográfica como polo pulo que están a vivir as ensinanzas de FP”, destacou o conselleiro.
Impulso ás grandes obras no verán
O plan inclúe 2.992 actuacións para mellorar as instalacións de escolas, colexios, institutos, centros integrados de FP e conservatorios dependentes da Xunta. Delas, están rematadas, en execución ou licitadas o 98,5%, un total de 2.947 obras, por un importe de 290,2M€.
Das actuacións en marcha, un total de 385 son grandes obras, por 238,6M€, o 78% delas rematadas. As restantes 83 son obras aos que se deu pulo ao longo deste verán, cun orzamento de 103M€, e que inclúen as devanditas ampliacións e rehabilitacións integrais de tanta envergadura como as do Instituto Lucus Augusti (Lugo, 3,3 M€), CIFP Ánxel Casal - Monte Alto (A Coruña, 2,5M€), IES Alfredo Brañas (Carballo, 1,7M€), IES Plurilingüe Rafael Dieste (A Coruña, 1,7M€), CEIP Pedro Barrié de la Maza (Sada, 1,6M€), CEIP Plurilingüe Barrié de la Maza (Santa Comba 1,3M€) e IES Manuel Murguía (Arteixo, 1,3M). Este tipo de actuacións supoñen unha renovación case total dos centros nos que se executan e inclúen tanto melloras da eficiencia enerxética como funcionais.
Moitas destas obras continuarán nos próximos meses, dado o seu tamaño, mentres que se estrean neste inicio do curso 2025/26 case unha decena de intervencións, cun orzamento de preto de 3,6M€. Trátase das rehabilitacións do CEIP Pérez Viondi (A Estrada, 1M€) e CEIP de Agolada (Agolada, 610.000€), a ampliación da Escola de Educación Infantil Crespo Rivas (Pontevedra, 720.000€), o cambio de cuberta e fiestras do CEIP Antonio Carpintero (Arbo, 500.000€), a reforma de cubertas do IES Politécnico de Vigo (Vigo 250.000€), a reforma estrutural da Escola de Vilaza do Colexio Rural Agrupado de Monterrei (Monterrei, 140.000€), a ampliación e renovación da cuberta do patio CEIP de Prácticas da E.U. Form. Profes. EXB (Ourense, 123.000€), as obras de urbanización para acometida de auga no CIFP Carlos Oroza e CIFP Montecelo (Pontevedra, 110.000€) e a instalación do ascensor do CEIP Atin-Cela (Mos, 87.000€).
Neste mesmo marco investíronse desde 2021 case 6,4M€ en dotar aos centros educativos de seis instalacións de biomasa e 62 fotovoltaicas. Neste apartado destaca a construción de dúas centrais de biomasa: a da mazá educativa de Lugo que abastece a diferentes centros educativos (2,2M€) e a do Colexio CEIP Xesús Golmar (Lalín, 1,1M€).
Plan Ben_Estar e proxectos
No que atinxe ás intervencións de pequena e mediana envergadura que se realizaron cada verán nos centros, suman un total de 2.500, por un importe de case 50M€. Trátase de obras como reformas de baños, tarefas de pintura, pequenas melloras de accesibilidade, obras de humanización ou arranxos de patios, entre moitas outras. Neste ano 2025 execútanse 227 destas obras, cun orzamento de máis de 3M€, con máis do 80% delas rematadas e a previsión de que todas estean finalizadas para o inicio do novo curso académico.
Por outra banda, están comprometidas outras 45 actuacións cun orzamento estimado de 41,4M€ que se concretará a medida que se vai pechando os proxectos correspondentes.
Por provincias, a distribución das actuacións e o seu orzamento é a seguinte:
|
Provincia
|
Obras en marcha: rematadas,
|
Obras comprometidas
|
||
|
Grandes |
Obras pequenas |
Instalacións fotovoltaicas |
||
|
A Coruña |
127 actuacións |
961 actuacións |
20 actuacións |
20 actuacións |
|
82M€ |
13,6M€ |
566.000 € |
16,7M€ |
|
|
Lugo |
59 actuacións |
415 actuacións |
14 actuacións |
8 actuacións |
|
31,5M€ |
7,7M€ |
387.000 € |
2,2M€ |
|
|
Ourense |
37 actuacións |
637 actuacións |
7 actuacións |
9 actuacións |
|
27,4M€ |
13,6M€ |
205.000 € |
17M€ |
|
|
Pontevedra |
162 actuacións |
487 actuacións |
21 actuacións |
8 actuacións |
|
97,7M€ |
15M€ |
582.000 € |
5,5M€ |
|
Melloras de accesibilidade en Sanxenxo
No caso do CEIP Plurilingüe de Portonovo, que hoxe visitou o conselleiro, a Xunta está a investir máis de 240.000€ en diferentes intervencións que abranguen unha superficie total de 1.156,45m² e que inclúen a instalación dun ascensor na parte esquerda do centro, con acceso desde o vestíbulo principal, e a reconfiguración de espazos. Tamén en aras da eliminación de barreiras arquitectónicas, instálase un novo aseo adaptado na planta baixa do edificio de Primaria e a refórmase e amplíase o acceso exterior ao centro para facelo máis accesible.
A maiores, mellórase o sistema de recollida de pluviais e de saneamento coa renovación e ampliación dos canlóns de drenaxe, delimítanse e paviméntase novas zonas de xogos e execútase unha marquesiña exterior como cuberta de protección na comunicación peonil entre o edificio de Infantil e o acceso posterior do edificio de Primaria.