A Xunta presenta ao concello de Culleredo a proposta de paso inferior peonil na AC-523 en Ledoño e anuncia novas medidas complementarias de seguridade viaria para o treito

A Coruña, 2 de setembro de 2025

A Xunta xa conta cunha proposta para o deseño dun paso inferior peonil que permita cruzar de modo seguro a estrada AC-523 en Ledoño, Culleredo, e anuncioulle ao concello que traballa tamén na redacción dun proxecto complementario de medidas adicionais de seguridade viaria para o treito. Así llo trasladaron o director da Axencia Galega de infraestruturas, Francisco Menéndez, e a directora territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas na Coruña, Begoña Freire, ao alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, na reunión de traballo mantida hoxe na Delegación da Xunta na Coruña, na que ademais se reiterou que se manterá a glorieta de Ledoño, ata que estea executada a actuación do paso inferior.

A actuación que vai desenvolver a Administración autonómica busca mellorar a mobilidade dos peóns e reforzar a súa seguridade no cruce desta estrada na intersección do punto quilométrico 1+360. O investimento estimado das actuacións de seguridade viaria prevista neste ámbito ascende a 700.000 euros. A previsión é que este proxecto poida estar redactado a finais deste ano para sometelo a información pública co fin de licitar e executar as obras en 2026.

Nesta reunión, que sucede ás anteriores mantidas pola Xunta co Concello para abordar este viario, ambas administracións acordaron abordar a iluminación desta estrada AC-523 cun proxecto de seguridade viaria que se redactará en paralelo. No marco do seu compromiso coa seguridade viaria, a Xunta trasladou ao Concello a proposta para asumir a dotación das luminarias, e a administración local afrontará o custo do servizo.

En xuño, a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martinez Allegue, xa amosara nunha reunión co alcalde o compromiso da Xunta co Concello de Culleredo na busca de alternativas para mellora do cruce peonil seguro da estrada autonómica AC-523 na contorna de Ledoño.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/09/2025