A Xunta reitera ao goberno central a petición de que baixe o IVE das obras educativas para mellorar as infraestruturas de máis centros

Esixe co-responsabilidade ao Goberno do Estado nun momento no que a maioría dos colexios e institutos están a cumprir medio século e precisan melloras

Malia que o Goberno galego pediu que se habilitasen fondos europeos MRR para este fin, a día de hoxe non existe ningunha colaboración coas autonomías neste eido

A Xunta está a facelo a través do Plan de nova arquitectura pedagóxica, con case 3.000 obras, máis de 331M€ e un especial esforzo inversor no rural

Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2025

O secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Manuel Vila, compareceu hoxe a petición propia na Comisión 4ª do Parlamento de Galicia para informar sobre as actuación de mellora en centros educativos realizadas ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica. Unha programación de mellora de infraestruturas educativas adaptadas ás necesidades do ensino do século XXI que supera xa os 331M€, acada as 3.000 intervencións e que a Xunta asume de xeito case íntegro.

Neste sentido, o representante do departamento educativo do Goberno galego reiterou a petición ao Goberno central da redución do IVE nas obras educativas “para poder chegar con elas a máis centros”. “Trátase dunha proposta que está pendente de debate e que agardamos conte co apoio desta Cámara”, lembrou.

O secretario xeral técnico insistiu en que o Executivo Central “non pode permanecer alleo á situación das infraestruturas educativas”. “Desde a Xunta trasladamos ao Goberno do Estado, en diversos momentos, a importancia de aproveitar a oportunidade das achegas europeas para habilitar fondos MRR destinados á mellora das infraestruturas educativas. A realidade é que, nestes momentos, non habilitou unha ferramenta específica para colaborar coas administracións autonómicas neste ámbito”, lamentou.

Neste sentido, demandou co-responsabilidade e sinalou que, nun momento no que a maioría dos centros están a cumprir arredor de 50 anos, debería abordarse esta cuestión como unha prioridade de Estado a través dun plan nacional de renovación das infraestruturas educativas, coordinado e adaptado ás necesidades do sistema.

Obras en un de cada dous centros

No que atinxe ás actuacións que está a desenvolver a Xunta destacou que, ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica, desde o ano 2021 están a realizarse 2.992 actuacións en centros educativos cun investimento de 331,6M€. Entre elas, destacou o inicio da obra de construción do que será o primeiro colexio deseñado de xeito íntegro en base aos parámetros deste plan, o novo CEIP do Milladoiro (Ames, 11,6M€). Tamén recordou que está en licitación o novo Instituto Domingo Villar de Navia (Vigo, 19M€) e en fase de deseño outro instituto no Pereiro de Aguiar (previsión inicial de 9,5M€). Estes novos centros dan resposta ao incremento de poboación escolar nesas zonas, como tamén o fan as 48 ampliación promovidas ao abeiro desta programación, 15 delas xa rematadas e outras 18 en execución.

O plan inclúe tanto a construción e ampliación de centros como obras de rehabilitación, melloras de eficiencia enerxética e obras de pequena e mediana. Deste xeito, actualmente en case un de cada dous centros de toda Galicia houbo xa grandes intervencións ou están comprometidas.

Esforzo inversor no rural

As cidades concentran unha parte destacada das actuacións de mellora ao ser tamén onde se localiza a maior parte da poboación escolar, pero cómpre salientar tamén o investimento que se realiza no rural galego, en municipios que non superan os 10.000 habitantes. Neste caso destacan obras como a ampliación do IES Plurilingüe Aquis Celenis (Caldas de Reis, 5,4M€), a do IES Pedras Rubias (Salceda de Caselas, 3,2M€) e a do CPI As Mirandas (Ares, 3,1M€).

Tamén son relevantes pola súa envergadura en centros do rural as rehabilitacións integrais dos colexios CPI Plurilingüe Eusebio Lorenzo Baleirón (Dodro, 1,4M€), CPI de San Vicente (A Baña 1,1M€), CPI de Padrenda-Crespos (Padrenda, 663.000€), do CEIP Manuel Respino (A Rúa, 613.000€) e do CEIP de Riotorto (Riotorto, 518.000€), así  como o cambio de cuberta do CEIP Plurilingüe Manuel Bermúdez Couso (A Pobra de Trives, 596.000€), as melloras de cuberta e cambio de fiestras do CEIP Plurilingüe Xoán de Requeixo (Chantada, 435.000€) e a substitución de carpintarías do CEIP Marquesa do Pazo da Mercé  (As Neves, 431.000€).

“O Plan de nova arquitectura pedagóxica está baseado na monitorización permanente das necesidades dos centros educativos e das zonas que están a medrar”, dixo o secretario xeral técnico. “Na Xunta temos unha estratexia para a educación de calidade deste país e seguiremos traballando nesta transformación profunda do ensino”, afirmou, reiterando o chamamento á co-responsabilidade neste eido.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/09/2025