A Xunta sitúa a inclusión como ‘prioridade absoluta’ para blindar o modelo galego de calidade e igualdade

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa sinala no Parlamento que Galicia vai seguir dando pasos para afianzar “aínda máis” o seu liderado neste eido

O sistema recibirá un impulso cualitativo con novas medidas a través da Estratexia galega de inclusión que reforzará o continuo incremento de recursos dos últimos anos

Galicia conta hoxe co dobre de especialistas de PT e AL, acada os máis de 5.000 profesionais de atención á diversidade e lidera a mellor ratio de alumno/aula en Educación Especial

Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2025

A inclusión educativa é “unha prioridade absoluta de Goberno” na que a Xunta de Galicia vai seguir traballando con medidas transversais, planificadas e de consenso en prol da calidade e da equidade do sistema. Así o sinalou esta mañá a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, ante a Comisión 4ª do Parlamento, onde reiterou o compromiso coa “mellora constante” neste eido para reforzar “aínda máis” o labor que se vén desenvolvendo nos últimos anos e, grazas ao cal, Galicia é líder estatal en inclusión co 93,3 % do alumnado con necesidades escolarizado en centros ordinarios fronte ao 85,2 % de media española.

A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP fixo fincapé nos recursos destinados pola Xunta, que duplicou o número de profesionais de Audición e Linguaxe (AL) e de Pedagoxía Terapéutica (PT), acada en distintas tarefas de atención á diversidade os máis de 5.000 profesionais traballando nos centros educativos nestes momentos. Ademais, Galicia ten a mellor ratio de alumno por aula en Educación Especial, co 3,3 fronte ao 5,2 estatal.

Non obstante, é necesario seguir impulsando unha transformación cualitativa, que se plasma na nova Estratexia galega de inclusión educativa, en vigor desde este curso, con novas propostas como a mellora da formación do profesorado en colaboración coas entidades especializadas na atención á diversidade, o impulso dos departamentos de orientación ou a mellora da práctica educativa na aula.

Ponderación especial de alumnado

Precisamente, respecto a este último punto, Judith Fernández referiuse ás últimas medidas “pioneiras” da Xunta como a baixada progresiva da ratio nas aulas iniciada o curso pasado en 4º de Infantil e que este ano se estende a 5º, a ponderación do alumnado con necesidades “que só facemos en Galicia” e a aposta polo ensino no rural coa mellora dos agrupamentos. “Esta combinación de medidas permítennos evitar o peche de 900 aulas en tres anos, pese á continua caída de alumnos, que este ano se cifra en 4.255 alumnos menos”, abondou. Avanzou, así mesmo, que se vai manter o reforzo do profesorado a través do Plan MEGA, que se incorporará ás aulas xa desde o inicio do curso.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/09/2025