Lara Meneses lembra que a mocidade pode solicitar axudas para o carné de conducir ata o 25 de setembro
A directora xeral de Xuventude fai este recordatorio durante unha visita ao circuíto de prácticas localizado na parroquia viguesa de Beade
A convocatoria da Xunta incorpora este ano como novidade apoio para sacar o permiso clase A2 de motocicletas
Destaca como obxectivo da subvención “a contribución na ampliación das competencias dos máis novos e do currículo como elemento de profesionalización”
Vigo, 3 de setembro de 2025
A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, visitou hoxe os mozos e mozas que están a facer prácticas de condución no circuíto de Piñeiral do Rei, na parroquia viguesa de Beade, onde lles lembrou que ata o 25 de setembro poden solicitar as axudas do Goberno galego para sufragar o custo de sacar o carné para coches e motocicletas.
Así, a representante da Xunta, que estivo acompañada por membros da Federación Galega de Autoescolas, destacou a novidade desta edición da convocatoria, que incorpora apoio para sacar o permiso clase A2, correspondente ás motocicletas, subvencionado con 150€, e que se suma ao importe para o permiso B, que será de 400€.
Neste senso, resaltou que o obxectivo desta liña de axudas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude “é contribuír á mellora das posibilidades da mocidade, na medida en que se lles facilita un instrumento que amplía as súas competencias e o seu currículo como elemento de profesionalización, ademais de incidir positivamente na súa autonomía persoal”.
Requisitos da convocatoria
Para acceder a esta convocatoria, as persoas interesadas deberán acreditar ter entre 18 e 30 anos de idade, estar empadroadas en Galicia e non estar traballando por conta propia nin allea. Ademais, as axudas son de carácter retroactivo, xa que poden presentar solicitude aqueles mozos e mozas que teñan aprobado o permiso de conducir con data de expedición a partir do 1 de outubro de 2024.
Por outra banda, a suma dos ingresos anuais dos membros da unidade familiar debe ser igual ou inferior a cinco veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples de 2025 no seu cómputo anual. Tamén cómpre destacar que as axudas poden ser acumulativas, polo que unha mesma persoa pode solicitalas para a obtención dos dous permisos, B e A2.