María José Gómez lembra as medidas de apoio ao sector do castiñeiro para paliar os danos causados polos incendios forestais
A conselleira visitou hoxe a Fábrica de Castañas José Antonio Rodríguez Dosantos, onde aproveitou por destacar as oito liñas de axudas xa convocadas por Medio Rural
Estas medidas inclúen a indemnización por perdas na produción, que no caso da castaña son de ata 1,22 €/quilo, así como aquelas vinculadas á reposición de reforestacións
Riós (Ourense), 3 de setembro de 2025
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, visitou hoxe a Fábrica de Castañas José Antonio Rodríguez Dosantos, situada no concello ourensán de Riós. Alí, debullou o apoio do Goberno autonómico ao sector do castiñeiro, co obxectivo de paliar os danos causados polos incendios forestais.
Neste sentido, a conselleira lembrou que por parte do seu departamento xa se habilitaron ata oito liñas de axudas para paliar os danos nas explotacións forestais, gandeiras e agrícolas. Estas partidas inclúen a indemnización dos gandeiros e agricultores por perdas na produción ou animais. No caso concreto da castaña, haberá achegas de 1,22 €/quilo.
Así, no caso das achegas para as explotacións forestais, cóntase cunha liña de axuda específica para a reposición de reforestacións, que financiarán os gastos de preparación manual do terreo, as unidades de planta e a implantación vexetal; así como outras accións de reforestacións. A axuda é de ata 100.000 euros. Tamén aproveitou a visita para lembrar o apoio á recuperación do sector apícola, tanto no caso de perda de colmeas como por a adquisición de alimentación complementaria.
Programa estratéxico do castiñeiro
De cara aos próximos anos afondarase nas achegas xa existentes para as plantacións de castiñeiro para froito e a rexeneración de soutos tradicionais. A convocatoria de 2025 resolveuse en xaneiro cun orzamento de 1,35 millóns de euros, que están a permitir a plantación de algo máis de 23.800 pés de castiñeiro e actuar nun total de 289 hectáreas. Así mesmo, Gómez destacou o Programa estratéxico do castiñeiro e da produción de castaña, enmarcado dentro do Plan Forestal de Galicia, como unha mostra máis do apoio do Executivo galego a este sector.