O Servizo Galego de Saúde publica a oferta de destinos do concurso de traslados aberto e permanente de 2025 para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario sanitario e de xestión e servizos

Ofértanse 8.258 prazas, das cales 6.340 corresponden a persoal sanitario e 1.918 a persoal de xestión e servizos

Este é o oitavo ciclo do proceso de concurso de traslados aberto e permanente, posto en marcha a finais do ano 2017 e que fai máis accesible o dereito á mobilidade do persoal estatutario fixo

Para a categoría de médico de familia e de facultativo especialista de atención primaria xa se publicou a oferta de destinos o 24 de xuño

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2025

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, unha resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, coa oferta de destinos no ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2025 do concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario sanitario e de xestión e servizos, salvo para a categoría de médico de familia e de facultativo especialista de atención primaria, das cales xa se publicou a oferta de destinos no Diario Oficial de Galicia do 24 de xuño de 2025.

Ofértanse 8.258 prazas das cales 916 corresponden a persoal licenciado sanitario, 3.305 a persoal diplomado sanitario, 2.119 a persoal sanitario de formación profesional e 1.918 a persoal de xestión e servizos.

Con esta resolución ábrese un prazo de 15 días naturais (entre o 5 e o 19 de setembro, ambos inclusive) para poder realizar as modificacións que se estimen oportunas na selección inicial de destinos (engadir novos destinos, eliminar destinos seleccionados inicialmente, modificar a orde de preferencia dos destinos solicitados...). 

No caso de que a solicitude se garde sen ningún destino seleccionado, esta excluirase do ciclo de adxudicación en curso. No caso de realizar varias modificacións, sempre se tomará como válida a última presentada por rexistro electrónico. Se non se desexa realizar ningunha modificación na selección inicial, non se terá que realizar ningunha operación por parte dos participantes.

A oferta real, con información do número de vacantes e resultas estará tamén dispoñible no formulario de inscrición no proceso. As modificacións que se realicen deben asinarse electronicamente con certificado dixital e non requirirán a entrega de ningunha documentación adicional.

Este é o oitavo ciclo do proceso de concurso de traslados aberto e permanente, posto en marcha a finais do ano 2017 e que fai máis accesible o dereito á mobilidade do persoal estatutario fixo e, en consecuencia, a conciliación da vida laboral e familiar dos profesionais, posibilitando o cambio de destino cunha periodicidade anual.

Data de actualización: 04/09/2025