A Xunta destina máis de 521.000 euros á renovación integral da cuberta do edificio xudicial de Lugo

A Plataforma de Contratos públicos de Galicia publica hoxe a licitación da obra e as empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o 1 de outubro  

Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2025

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a licitación das obras de renovación integral do sistema de impermeabilización do edificio xudicial de Lugo por un importe superior a 521.000 euros. A renovación da cuberta non suporá alteracións da tipoloxía arquitectónica e estética do inmoble.

A intervención ten un prazo de execución de tres meses desde o día seguinte da sinatura da acta de comprobación da implantación. As empresas interesadas en optar ao contrato poderán presentar as súas solicitudes ata o vindeiro 1 de outubro ás 14,00 horas. Para a adxudicación aplicarase o procedemento aberto, con pluralidade de criterios de adxudicación, por ser o mellor garante os principios de igualdade e transparencia.

Cómpre aclarar que a licitación destas obras lévase a cabo debido ao deterioro da cuberta dos xulgados de Lugo que dá lugar, entre outros, a filtracións no edificio, algúns desprendementos nalgunhas zonas do teito e das paredes, o que dificulta o normal desenvolvemento do traballo por parte do persoal do xulgado.

Ademais, previo a esta licitación xa se levaron a cabo traballos de reparación urxente co obxectivo de paliar as deficiencias detectadas co obxectivo de que non se produzan filtracións por entrada de auga. Trátase de medidas de prevención provisionais das que se está a realizar un seguemento exhaustivo e continuo e que se executaron para garantir a utilización das instalacións de forma segura tanto para o persoal como para as persoas usuarias que acoden ao edificio.

Data de actualización: 05/09/2025