Belén do Campo asiste á segunda sesión da ópera Carmen de G. Bizet que inaugura a tempada lírica da Coruña
A Coruña, 7 de setembro de 2025
A delegada da Xunta, Belén do Campo, asistiu esta tarde, á apertura da Tempada Lírica 2025 organizada pola Asociación de Amigos da Ópera da Coruña, unha entidade comprometida coa promoción e difusión do xénero operístico.
O acto inaugural celebrouse no Palacio da Ópera coa segunda posta en escena da célebre ópera Carmen, de Georges Bizet, interpretada pola Orquestra Sinfónica de Galicia baixo a batuta do mestre Gianluca Martinenghi e coa dirección escénica de Calixto Bieito.
A representante autonómica salientou a importancia de apoiar iniciativas culturais de primeiro nivel como a Tempada Lírica da Coruña, “unha programación que proxecta á cidade e a Galicia no panorama musical internacional, ao tempo que reforza o acceso da cidadanía á cultura de calidade”.
A Xunta de Galicia colabora co desenvolvemento desta tempada, que ano tras ano achega ao público galego títulos de referencia do repertorio operístico e intérpretes de prestixio internacional.