A Xunta favorece o ocio educativo para persoas con discapacidade en Nigrán
A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, visitou aos 30 participantes na última quenda de campamentos na Residencia de Tempo Libre da Xunta
Nigrán (Pontevedra), 8 de setembro de 2025
A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, visitou esta mañá os participantes da última quenda de campamentos de verán da Xunta na Residencia de Tempo Libre de Panxón, en Nigrán. A actividade ‘Natureza xunto ao mar’ acolle desde o 3 de setembro a 30 persoas con discapacidade de entre os 15 e 50 anos. En total, durante todo o verán 70 persoas con discapacidade puideron desfrutar da oferta de ocio e tempo libre nestas instalacións de Nigrán.
Na súa visita, a directora xeral puxo en valor este programa da Xunta, que ofrece ás persoas con discapacidade os recursos que precisan para poder desfrutar do verán con todas as oportunidades e servizos a súa disposición e que supón tamén un impulso para a conciliación familiar. Begoña Abeijón explicou, ademais, que a Xunta dotou a este centro de Nigrán de material para facilitar a mobilidade en contornas acuáticas, como cadeiras, muletas anfibias e chalecos salvavidas. Unha achega que se suma ás xa realizadas nos últimos anos para a adaptación do mobiliario.