Román Rodríguez destaca que o inicio do curso se desenvolveu con total normalidade para máis de 302.000 alumnos
O conselleiro de Educación sinala que arredor de 12.000 aulas de 1.400 centros recuperaron onte a actividade lectiva logo das vacacións do verán
Salienta como liñas estratéxicas de traballo deste ano académico a aposta pola inclusión, a progresiva redución de ratios, o modelo híbrido e a FP
Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou hoxe que o inicio do curso escolar se desenvolveu con total normalidade para máis de 302.000 alumnos de toda Galicia. En declaracións ao programa Bos Días da Televisión de Galicia, o representante da Xunta sinalou que foron arredor de 12.000 as aulas de 1.400 centros educativos as que recuperaron onte a actividade lectiva logo das vacacións do verán.
O titular do departamento educativo do Goberno galego salientou que o novo ano académico arranca “cun menor número de alumnos, un maior número de profesorado e unhas liñas estratéxicas de traballo nas que sobresae a aposta que se fai pola FP e pola potenciación da inclusión, é dicir, para dar oportunidades a aqueles alumnos que máis o precisan”. Así mesmo, recordou que este curso se intensifica o modelo híbrido de educación propio de Galicia, que combina o analóxico e o dixital.
Por outra banda, o conselleiro incidiu en que Galicia continúa “coa redución progresiva das ratios” que xa chegan a 4º e 5º de Infantil e “mellorando os agrupamentos nas zonas rurais”. “Temos unha das mellores ratios profesor/alumno de España (9,9 fronte ao 11,3 estatal) e continuamos traballando para reducila, por iniciativa propia, o que corrobora a aposta que se fai por mellorar a educación en Galicia”, indicou.
No que atinxe ás mínimas incidencias, Román Rodríguez enmarcounas na normalidade nun sistema educativo tan amplo e explicou que xa se traballa para encamiñalas, de tal forma que ensino galego siga dando “oportunidades aos miles de nenos e nenas de hoxe, que van ser os galegos de mañá”.