A Xunta entrega en Ortigueira os premios da sexta campaña de ‘Merca no teu comercio’ na Coruña co obxectivo de apoiar o consumo de proximidade

O director xeral de Comercio e Consumo participou hoxe no acto que implicou, ademais de a Ortigueira, os concellos de Cedeira e Cariño 

A iniciativa, realizada en colaboración coa Federación Galega de Comercio, continúa activa ata o 15 de setembro nos municipios de Miño e Pontedeume

Gabriel Alén lembrou que segue aberto o prazo para optar aos Premios do Comercio Galego 2025, destinados a recoñecer e visibilizar o labor dos profesionais do sector

Ortigueira (A Coruña), 11 de setembro de 2025

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado polo presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, participou hoxe no acto de entrega dos premios da sexta edición quincenal do programa Merca no teu comercio na provincia da Coruña. Trátase dunha iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia en colaboración coa devandita federación e que nesta ocasión incluíu, ademais de a Ortigueira, os concellos de Cedeira e Cariño. En concreto, hoxe repartíronse 20 tarxetas prepago de 50 euros entre as persoas participantes, que poderán empregalas nos establecementos locais adheridos ata o 31 de decembro de 2025.

A campaña prolongouse do 15 e ao 30 de agosto, coa finalidade —destacou Alén— de fomentar o consumo nos negocios de proximidade, poñer en valor o seu papel como motor económico e social nas vilas rurais e reforzar a súa actividade en territorios cun menor asociacionismo. Actualmente segue en marcha —ata o 15 de setembro— nos municipios de Miño e Pontedeume. A continuación, do 15 ao 30 de setembro, iniciarase en Ames, Negreira e Santa Comba.

Premios do Comercio Galego 2025

O director xeral aproveitou a ocasión para lembrar que os comercios interesados en presentarse aos Premios do Comercio Galego 2025 teñen de prazo ata o 26 de setembro para formalizar as súas candidaturas. Os galardóns repartiránse en cinco categorías: o Premio Comercio Galego 2025, dotado con 5.000 euros; o Premio Comercio Traxectoria 2025, con 3.000 euros; o Premio Comercio Emprende 2025, tamén con 3.000 euros; o Premio Comercio Dinamización 2025, que ascende a 5.000 euros; e o Premio Comercio Sostible 2025, cun importe de 3.000 euros.

Alén destacou que esta convocatoria enmárcase na estratexia da Xunta para fortalecer un sector comercial moderno, competitivo e preparado para responder ás novas tendencias de consumo, ao tempo que se recoñece o seu peso como xerador de emprego e riqueza e como elemento clave para a cohesión territorial.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/09/2025