A Xunta clausura o obradoiro dual emprego ‘Salus Lugo’, no que investiu 421.000 euros

O delegado territorial, Javier Arias, participou hoxe na entrega de diplomas ao alumnado

O taller impartiu as especialidades de atención sociosanitaria a persoas dependentes e intervención socioeducativa con persoas con discapacidade

Lugo, 12 de setembro de 2025

A Xunta clausurou hoxe o obradoiro dual de emprego Salus Lugo, financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración con 421.000 euros no marco da convocatoria de axudas a concellos para impulsar estas actividades.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou na entrega de diplomas ao alumnado que completou a formación. En total ofertáronse 20 prazas en dúas especialidades con alta demanda de traballadores: atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais e intervención socioeducativa con persoas con discapacidade. 

Arias lembrou que os participantes reciben cualificación profesional ao tempo que desenvolven un traballo remunerado en actividades de utilidade pública ou interese social nos seus municipios.

Neste caso, realizaron servizos de atención sociosanitaria a persoas dependentes nas institucións San Vicente de Paul, Aspnais e Cogami Lugo; así como labores de intervención socioeducativa con persoas con discapacidade nas dúas primeiras entidades.

O delegado destacou que os obradoiros están enfocados “a incrementar as oportunidades laborais do alumnado, cunha formación teórica e práctica adaptada ás demandas reais do mercado e en colaboración cos concellos”.

Explicou ademais que este taller inclúe a modalidade dual, o que supón que a Xunta concede incentivos para contratar a varios participantes en empresas da contorna para desempeñar funcións vinculadas ás ensinanzas impartidas. Estes contratos realízanse ao finalizar a actividade, cunha duración mínima de tres meses a xornada completa.       

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/09/2025