A Xunta mantén aberto o prazo para que os concellos se acollan á orde de axuda dirixidas a financiar programas de inclusión social

O período de solicitude destas achegas rematará o vindeiro venres, día 19

Póñense a disposición das entidades locais máis de 8 millóns de euros para o período 2025-2027, un 5,6% máis que na anterior convocatoria

Subvenciónanse actividades para a inserción sociolaboral, de apoio familiar ou de atención a persoas sen fogar, entre outras

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2025

A Xunta mantén aberto o prazo ata o vindeiro venres, día 19, para que os concellos se acollan á orde de axudas para o desenvolvemento de programas de inclusión social orientados á poboación xitana, inmigrante e a outras persoas que se atopen en risco de exclusión. A través desta convocatoria, publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado 19 de agosto, o Goberno galego pon á disposición das administracións locais máis de 8 millóns de euros para o período 2025-2027, o que supón un incremento dun 5,6% respecto á anterior convocatoria (2023-2025). 

Os concellos, as mancomunidades ou agrupacións de concellos poderán empregar esta liña de achegas para financiar, entre outras, actuacións de apoio á inclusión social ou laboral, apoio á inclusión residencial, servizos de mediación social e intercultural e accións de educación e apoio familiar dirixidas a familias en situación ou risco de exclusión social. O prazo para cumprimentar os programas subvencionados mantense nos dous anos, co obxectivo de que os proxectos ofertados teñan unha maior seguridade e estabilidade financeira. 

Estas axudas están cofinanciadas parcialmente polo Fondo Social Europeo Plus 2021-2027 e enmárcase na Estratexia de Inclusión Social de Galicia 2023-2030, que fai fincapé na importancia das medidas orientadas á inclusión social das persoas usuarias dos servizos sociais comunitarios. 

Data de actualización: 12/09/2025