A Xunta recibe dez ofertas para executar as obras de conversión en autovía de 4,9km da vía de altas prestacións Brión-Noia, licitadas por un orzamento de 11,2 M€

Das dez ofertas presentadas a este contrato, 6 delas están conformadas por UTE, e suman en total 16 empresas

Con esta actuación se beneficiará a unha poboación de 160.000 habitantes dos concellos de Brión, Rois, Santiago, Ames, Lousame e Noia

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2025

A Xunta recibiu un total de 10 ofertas para executar as obras de conversión en autovía de 4,9 km da vía de altas prestacións Brión-Noia, que discorren polos concellos de Brión e Rois. Das dez ofertas presentadas a este contrato, 6 delas están conformadas por UTE, e suman en total 16 empresas

Estas obras, licitadas por un orzamento de 11,2 M€, contan cun prazo de execución estimado de 18 meses, e a Xunta ten xa realizado o acto de levantamento de actas previas das expropiacións, estando fixado a formalización das avanzados os actos expropiatorios, estando fixada a data de formalización das actas de ocupación para o vindeiro 27 de outubro, nos concello de Brión e Rois.

Trátase de actuar no treito entre Brión e o enlace de Urdilde (entre os puntos quilométricos 11+640 e 16+600). En concreto, a estrada proxectada no desdobramento terá en cada calzada dous carrís de 3,5 metros, beiravías de 2,5 metros exterior e 1 metro interior, e disporá de mediana de 3 metros entre bordos de beiravía das plataformas contiguas, dándolle continuidade ás características da autovía no tramo Santiago-Brión. O prazo de execución das obras   estímase en 18 meses.

No marco das obras que se acometerán realizaranse algunhas modificacións na conexión coa autovía Santiago-Noia (AG-56), co obxecto de adaptar o trazado existente á nova autovía. Unha delas será a reconstrución dos noiros do desmonte  na marxe esquerda en dirección Noia, para obter o ancho necesario para a nova sección.

Conservarase o enlace de Urdilde, sendo obxecto do desdobramento a execución definitiva dos ramais da calzada para desdobrar, pero o ramal de entrada en Gundín desaparecerá coa ampliación da calzada pola imposibilidade física de conservalo co desdobramento da vía.

Con esta actuación se beneficiará a unha poboación de 160.000 habitantes dos concellos de Brión, Rois, Santiago, Ames, Lousame e Noia.

A licitación das obras deste treito dá continuidade á aprobación no mes de febreiro do proxecto de trazado do desdobramento da CG-1.5 entre o remate da autovía Santiago-Brión ata o inicio do tramo Martelo-Noia, cun investimento estimado que superará os 29 M€.

Data de actualización: 15/09/2025