A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participou esta tarde en Madrid na reunión deste órgano, presidido polo ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación
Galicia súmase á petición de retirada do regulamento da nova PAC formulada por diferentes autonomías no seo do Consello Consultivo de Política Agrícola
A conselleira lembrou a oposición unánime do Goberno galego e do sector ao documento presentado pola CE, pola redución de fondos que supón para Galicia e a nova arquitectura que define, baseada nun fondo único para os estados membros que non blinda todas as medidas da PAC
Gómez insta ao ministro Planas a defender con firmeza a modificación dunha proposta inicial que supón o desmantelamento do modelo actual da política agraria europea e que configura unha PAC que non é “nin política, nin agraria, nin común”
Madrid, 15 de setembro de 2025
Galicia súmase á petición de retirada do regulamento da nova PAC formulada hoxe por diferentes comunidades autónomas na reunión do Consello Consultivo de Política Agrícola e Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios celebrada en Madrid baixo a presidencia do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Tras participar esta tarde na xuntanza, a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, explicou que a Xunta, conxuntamente co sector, xa manifestou que se opón a esta nova proposta, que ademais implica un recorte de fondos para Galicia e a integración da PAC nun fondo común para os estados membros que non blinda todas as políticas que a conforman como ata agora.
A titular de Medio Rural instou ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), Luis Planas, a traballar en Bruxelas, dentro das súas competencias, para corrixir a orientación inicial desa proposta, nas negociacións para concretar o devandito Marco Financeiro Plurianual 2028-2032.
A conselleira lembrou que o rexeitamento á nova PAC, tal e como está deseñada, é unánime dentro do sector agrario galego e español e que esta postura foi tamén apoiada polo conxunto dos gobernos autonómicos, entre eles a propia Xunta.
Desmantelamento do modelo actual
María José Gómez insistiu en que a proposta da Comisión supón o desmantelamento do modelo actual da política agraria europea, baseado en dous piares con dous fondos diferenciados e que permite asegurar a renda dos agricultores e, ao tempo, fomentar o desenvolvemento rural. A Xunta -tal e como reiterou en diversas ocasións, a máis recente en sede parlamentaria- considera que esta nova PAC non é “nin política, nin agraria, nin común”. Isto, porque pasaría a ser un programa -máis que unha Política-, non será “agraria” porque competirá pola financiación con outras políticas da Unión e porque cada país poderá decidir que sectores primar e con que nivel de co-financiamento, incrementándose así as diferencias entre territorios.
Neste mesmo sentido, o Goberno galego considera non asumible que, co fin de abordar novas necesidades de defensa ou migración (entre outras), se detraia orzamento de políticas europeas amplamente consolidadas ao longo do tempo e que demostraron a súa valía para apoiar o crecemento europeo e o sentimento de comunidade. Por iso, amósase a favor de que o apoio a estas novas políticas se faga a través do incremento orzamentario da UE e non en base a minguar o financiamento de políticas xa existentes.
Severo recorte de fondos
Nesta liña, a conselleira denunciou, unha vez máis, o severo recorte de fondos de ata un 20 % respecto á presente PAC, xunto cun incremento da porcentaxe de cofinanciación, algo que suporá para Galicia un impacto negativo dun 25 % en relación coa situación actual, o que representará unha redución de arredor de 80 millóns de euros anuais.
Así mesmo, Gómez lamentou que a proposta da Comisión xere incerteza xurídica no sector e que incluso poida supoñer unha subida dos prezos dos alimentos polo incremento dos custos de produción e venda, que non serán compensados suficientemente a través da PAC e que acabarán sendo repercutidos ao mercado, co consecuente incremento dos prezos ao consumidor.