O conselleiro de Sanidade, xunto co reitor da USC, Antonio López, e a directora da Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue, Marisa López, presentou a campaña universitaria de doazón para este curso na facultade de Enfermería de Santiago

Gómez Caamaño convida á comunidade universitaria a bater récords de solidariedade e contribuír a acadar o obxectivo de superar as 4.500 doazóns de sangue neste curso

Subliña que en máis de 30 anos de campañas coas tres universidades Galicia supera as 64.000 doazóns de sangue

O pasado curso 2024-2025 acadáronse as 4.300 doazóns nos campus universitarios, cun 30 % de persoas que foron doar por primeira vez

Na Universidade de Santiago conseguíronse 1.600 doazóns, das cales máis de 1.100 se realizaron no campus de Compostela e o resto no de Lugo

A Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue conta con 106 profesionais que compoñen os equipos de hemodoazón

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, convidou hoxe á comunidade universitaria galega a bater récords de solidariedade e superar este curso as 4.500 doazóns de sangue para salvar máis vidas ca nunca.

O conselleiro presentou a campaña universitaria de doazón ‘Este curso non perdas este bus’ xunto á unidade móbil situada diante da facultade de Enfermería de Santiago, xunto co reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, coa directora da Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), Marisa López, e coa decana da Facultade de Enfermería, Raquel Rodríguez.

Gómez Caamaño animou á xuventude a incrementar a súa participación nas doazóns de sangue nas dúas fases da campaña: de setembro a novembro deste ano e de febreiro a abril de 2026.

Destacou que o pasado curso se acadaron as 4.300 doazóns nos sete campus e que o    30 % dos participantes doaron por primeira vez, o que supón ter captado 1.317 novos doadores.

No caso da USC, acadáronse 1.600 doazóns de sangue, das cales máis de 1.100 se realizaron no campus compostelán e o resto no de Lugo.

En total, nos máis de 30 anos en que a Xunta leva realizando estas actividades solidarias no eido universitario, superáronse as 64.000 doazóns grazas á colaboración das tres universidades.

Gómez Caamaño agradeceu o papel dos equipos de hemodoazón, compostos por 106 profesionais entre os que se atopan persoal médico, de enfermería e técnicos en coidados auxiliares.

No que respecta á solidariedade da cidadanía galega, lembrou tamén o fito que marcou Galicia en 2024 en doazón de órganos e transplantes. Bateuse a marca histórica con 424 transplantes, chegando a realizar máis dun por día e recibíronse órganos de 137 persoas.

A unidade móbil situada diante da facultade de Enfermería permanecerá no campus norte hoxe e mañá mércores de 9,30 a 14,30 e de 15,30 a 21,00 horas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/09/2025