O conselleiro visita o Colexio Quiroga Palacios, en Santiago, onde comproba o funcionamento desta nova aplicación impulsada polo Goberno galego

O Termómetro Acoso Escolar comeza a funcionar hoxe para avanzar nunha escola segura, inclusiva e respectuosa

Román Rodríguez sitúa a tolerancia cero neste eido como “unha prioridade da Xunta” avalada por un abano de medidas que este curso se intensifican con esta acción ou a futura Rede de Concellos contra o Acoso Escolar

“É fundamental que os docentes dispoñan de ferramentas axeitadas para previr, identificar e actuar ante posibles conflitos”, sinala

O Termómetro Acoso Escolar funciona como un cuestionario en liña que os profesores poderán activar á demanda en calquera momento do curso, de xeito puntual ou periódico, para testar o clima de convivencia ou detectar tensións

Está deseñado para ser utilizado nos últimos cursos de Educación Primaria (5º e 6º) e en Secundaria, Bacharelato e FP

Os datos recollidos servirán de base para reflexionar e tomar decisións pedagóxicas para unha mellor convivencia e a intervención educativa se fóra necesaria

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2025

Os centros educativos galegos teñen á súa disposición desde hoxe o Termómetro Acoso Escolar, unha nova ferramenta que a Xunta de Galicia vén de poñer en marcha a disposición do profesorado co fin de previr e actuar, dun xeito máis áxil e rápido ante unha situación de conflito.

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou o Colexio CEIP Cardeal Quiroga Palacios, en Santiago de Compostela, onde puido comprobar de primeira man o funcionamento desta aplicación informática que os equipos directivos e os profesores poden aplicar en calquera momento do curso, de xeito puntual ou periódico para testar o clima de convivencia en xeral, ou para detectar unha tensión concreta.

Segundo subliñou Román Rodríguez, que estivo acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, a tolerancia cero contra o acoso escolar “é unha prioridade de Goberno” que se concreta nun amplo abano de medidas para que os colexios e institutos sexan “lugares seguros, inclusivos e respectuosos” e que conten “cos recursos axeitados para previr, identificar e actuar”.

Esta finalidade “refórzase este curso” con esta nova ferramenta e tamén coa futura Rede de Concellos contra o Acoso Escolar “na que estamos a traballar da man da Fegamp”, así como outras medidas que se deriven dos resultados da quinta macroenquisa de convivencia que se están procesando, sinalou.

Estas novas accións súmanse ás que xa están en funcionamento como os Puntos Laranxa, caixas de correo físicas e dixitais para denunciar posibles casos de xeito anónimo, ou os Equipos de Actuación contra o Acoso Escolar, integrados por docentes que reciben formación específica.

Funcionamento do Termómetro

O Termómetro Acoso Escolar está configurado como un cuestionario en liña, sinxelo e de fácil aplicación, que poderán empregar os docentes en calquera momento no que sexa necesario para obter información sobre o ambiente de convivencia na súa aula. Está prevista para ser utilizada nos últimos cursos de Educación Primaria (5º e 6º) e en Secundaria, Bacharelato e FP.

Os docentes poderán activalo en calquera momento do curso, tanto nun aula concreta como en todo o centro, ante unha sospeita dunha posible conduta contraria á convivencia entre o alumnado. Isto permitiralles obter información individualizada e analizar a súa situación neste eido e, a partir dela, deseñar e aplicar as medidas máis axeitadas ás súas circunstancias.

Tras a decisión do profesor de activar o Termómetro, e unha vez que o alumnado o complete, xerarase de forma automática un informe detallado para a aula, que incluirá indicadores clave sobre a convivencia, o benestar emocional do grupo e a detección de posibles casos de acoso. Este informe servirá de base para a reflexión docente e para a toma de decisións pedagóxicas orientadas á mellora da convivencia e á intervención educativa cando sexa necesario.

No cuestionario inclúense preguntas orientadas a detectar posibles vítimas, posibles situacións de acoso nas que o alumnado é espectador ou posibles persoas acosadoras tanto fisicamente como a través de internet e as redes sociais. Esta posibilidade de aplicación a demanda permite que cada docente poida testar de maneira puntual ou periódica o clima relacional do grupo, identificando posibles conflitos, tensións ou situacións de risco relacionadas co acoso escolar ou a exclusión social.

Plataforma de datos

Ademais, todos os datos recollidos estarán integrados nunha plataforma centralizada xestionada pola propia Consellería de Educación, na que se garantirá a confidencialidade e anonimización da información individual.

Esta base de datos permitirá elaborar informes globais sobre o estado da convivencia escolar en Galicia, con posibilidade de análise desagregados por zonas xeográficas, por etapas educativas ou por centros específicos. Deste xeito, dispoñerase dunha visión integral e dinámica da situación, o que facilitará a planificación de estratexias de prevención, detección temperá e actuación fronte ao acoso escolar desde unha perspectiva tanto local como sistémica.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/09/2025