A Xunta impulsa con case 165.650 € a mellora da eficiencia enerxética no pavillón polideportivo municipal de Boborás
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitaron a instalación para coñecer as actuacións executadas no marco da convocatoria do 2024 do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local e a Orde plurianual de subvencións para obras de eficiencia enerxética cofinanciadas con fondos Feder
Actuouse principalmente na zona dos vestiarios, substituíndo o sistema de abastecemento e xeración de auga quente
Boborás (Ourense), 18 de setembro de 2025
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitaron as instalacións do pavillón polideportivo municipal de Boborás para comprobar as melloras de eficiencia enerxética e do sistema de fontanería e calefacción realizadas co apoio da Xunta. As obras contaron cunha achega total de case 165.650 euros do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local (FCL) de 2024, destinado a concellos de menos de 15.000 habitantes e dotado con 5 millóns de euros, e da Orde plurianual (2025-2026) de subvencións para a realización de obras de eficiencia enerxética en edificios e infraestruturas municipais, tamén dotada con 5 millóns de euros e cofinanciadas nun 60% con fondos Feder.
Os traballos centráronse na zona dos vestiarios co obxectivo de minimizar os consumos enerxéticos tanto de calor como de electricidade. Para iso actuouse sobre o sistema de xeración de auga quente coa renovación total da canalización de abastecemento e a instalación dunha bomba de calor de aerotermia, un termo de apoio e dun depósito para garantir o volume e a temperatura constante.
Natalia Prieto explicou que a través do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local búscase atender as necesidades das localidades de menor poboación, para garantir a mellor calidade na prestación de servizos municipais a toda a poboación galega, con independencia do lugar de residencia.
A directora xeral tamén lembrou que a Orde de axudas para melloras de eficiencia enerxética contribúe á redución das emisións de gases de efecto invernadoiro e á mitigación dos efectos do cambio climático, en liña coa Estratexia de cambio climático e enerxía 2050 e no marco do Programa Feder Galicia 2021-2027. Búscase, a través dela, facilitarlles aos concellos o aforro enerxético e económico, así como a mellora ambiental e do confort do persoal e da cidadanía usuaria dos servizos municipais.
Máis de 700 actuacións en 2024
A directora xeral de Administración Local puxo en valor o compromiso da Xunta cos concellos galegos coa distribución o ano pasado de máis de 32 millóns de euros na execución de case 700 proxectos municipais. Neste montante inclúense precisamente os 93 concellos de menos de 15.000 habitantes beneficiarios o ano pasado cos 5 millóns da liña do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local e os 51 concellos de menos de 30.000 habitantes beneficiarios dos 5,2 millóns de euros cofinanciados con fondos Feder para o período 2024-2025, entre os que se atopa Boborás.
A estas actuacións súmanse as 107 entidades ás que se lle financiaron proxectos por importe total de 3,5 millóns da Orde de infraestruturas de uso público, as 230 que recibiron achegas do Fondo de Compensación Ambiental ou os 20 proxectos de carácter estratéxico financiados con máis de 8,2 millóns de euros.