Medio Rural destina preto de 200.000 euros á reparación dunha vía de comunicación entre A Lama, Avión e Beariz

A conselleira María José Gómez coñeceu hoxe o resultado da intervención na pista Portela da Cruz-Hedreira, que forma parte dos traballos de colaboración cos concellos en materia de mellora das súas infraestruturas rurais 

Esta iniciativa súmase ao Plan Camiña Rural, de mellora de vías municipais de acceso a parcelas agrícolas, a través do que se destinarán máis de 18 M€ a 299 concellos de Galicia

O obxectivo de todos estes labores é o de impulsar a mobilidade nesta contorna, para mellorar a calidade de vida das persoas do rural e tamén para propiciar a saída e a comercialización das producións agrogandeiras

A Lama (Pontevedra), 18 de setembro de 2025

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou hoxe a importancia da colaboración institucional na mellora das infraestruturas rurais. En concreto referiuse ás actuacións de reparación da pista Portela da Cruz-Hedreira, cun investimento de preto de 200.000 euros e realizadas ao abeiro do Plan de Infraestruturas Rurais 2025. Esta acción beneficia os municipios da Lama, na provincia de Pontevedra, e de Avión e Beariz, na de Ourense.

A conselleira, acompañada pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, destacou durante a súa visita que esta intervención permitir mellorar case seis quilómetros e medio de lonxitude desta vía, que comunica os referidos concellos, mediante a limpeza de foxos, saneos, bacheos, regularizacións do firme e aplicación dun dobre tratamento superficial para pavimentación e posterior selado.

Segundo explicou Gómez, o obxectivo destes labores foi o de impulsar a mobilidade nesta contorna, para mellorar a calidade de vida das persoas do rural e tamén para propiciar a saída e a comercialización das producións agrogandeiras, polo que -engadiu- esta medida ten valor tanto desde o punto de vista social como económico.

Plan Camiña Rural

Cómpre sinalar que esta iniciativa súmase ao labor desenvolvido polo Goberno galego a través do denominado Plan Camiña Rural, destinado á mellora ou mantemento dos camiños municipais que dan acceso en calquera punto do seu trazado a polo menos dúas parcelas agrícolas.

Este plan prevé un investimento total, para o conxunto de Galicia, de máis de 18 millóns de euros para 299 concellos galegos. En concreto, os tres beneficiarios da obra visitada hoxe pola conselleira (A Lama, Avión e Beariz), recibirán unha achega global de preto de 160.000 euros ao abeiro deste Plan.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/09/2025