O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración participou na inauguración da cita, que se desenvolverá na localidade lucense entre hoxe e o domingo
A Xunta enxalza o 25º Encontro internacional de Torneiros da madeira de Xermade polo seu papel na posta en valor e recuperación deste oficio artesán
José González agradeceu á Asociación de amigos da madeira a organización deste evento que o Goberno galego leva apoiando desde o seu inicio, así como ao Concello de Xermade, impulsor da recuperación da antiga reitoría nun centro de tornaría
Aproveitou para lembrar que está aberta ata o 26 de setembro a presentación de candidaturas aos Premios Artesanía de Galicia, con tres categorías: Premio Artesanía de Galicia, Premio Traxectoria e as Bolsas Eloy Gesto
Reafirmou o compromiso da Xunta co bo facer artesán, avogando non só polo apoio aos obradoiros existentes senón tamén pola formación para garantir a remuda xeracional, con novas medidas como as futuras bolsas para aprendices
Xermade (Lugo), 19 de setembro de 2025
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado pola xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou hoxe á inauguración do 25º Encontro internacional de torneiros da madeira de Xermade, un evento de referencia en toda Europa que a Xunta leva apoiando desde os seus inicios para contribuír á difusión, posta en valor e recuperación deste oficio tan arraigado no rural. Así o destacou o titular de Emprego, que agradeceu á Asociación de amigos da madeira pola organización da cita e polo seu traballo na defensa da tornaría, que se vén caracterizando —dixo— pola innovación en métodos, técnicas e materiais no seo da artesanía galega. Tamén ao Concello de Xermade, pola recuperación da antiga reitoría nun centro de tornaría.
Na visita, o conselleiro referiuse ao evento como un espazo ideal non só para o encontro entre profesionais do sector de diferentes países, senón tamén para dar a coñecer todo o que poden facer. Nese senso, celebrou que torneiros de relevancia europea como o francés Jean François Escoulen ou a británica Carlyn Lindsay coincidan con outros referentes dentro e fóra de Galicia como Manuel “Lolo” Castro, das Pontes, un dos mellores artesáns torneiros de madeira do continente, impulsor deste encontro en Xermade e divulgador do oficio que recibiu o Premio Traxectoria nos Premios Artesanía de Galicia 2018. Tamén con Aitor Martínez —que no ano 2024 resultou gañador do Premio Joven Promesa nos Premios Mestre Artesán do Círculo Fortuny, e finalista no Premio Artesanía de Galicia e no Premio Emprendemento dos Premios Nacionais de Artesanía— e con Adrián Pena, do obradoiro Xar Arte.
Estes torneiros presentes no encontro, segundo González, mostran que hai remuda xeracional no oficio, unha remuda que considerou prioritaria noutras variedades artesás. Nesa liña, salientou que a programas vixentes como Aprender da tradición. Oficios e técnicas, co que a Xunta impulsa a formación e a remuda xeracional en oficios tradicionais, se sumarán o ano que vén as bolsas para aprendices, para alentar novas vocacións artesás.
Todo no marco do compromiso do Goberno autonómico co sector, materializado a través do inxente labor da Fundación Artesanía de Galicia, que promove a marca Artesanía de Galicia como selo de calidade e identidade. Tamén con axudas como as de fomento da comercialización da artesanía de Galicia (265.000 euros en 2025) ou co Plan Estratéxico do Comercio 2025-2030, cun investimento de 320 millóns de euros e medidas específicas para fomentar as novas vocacións no eido artesanal.
Premios Artesanía de Galicia
O conselleiro aproveitou o evento para recordar que os Premios Artesanía de Galicia 2025 están abertos, coa posibilidade de presentar candidaturas deica o próximo venres 26 de setembro e concorrer en tres categorías: Premio Artesanía de Galicia (dotado con 9.000 euros), Premio Traxectoria e as Bolsas Eloy Gesto, que outorgarán ata tres bolsas de 4.000 euros cada unha para investir en formación. Unha mostra, segundo destacou, de que a Xunta aposta pola artesanía, non só polo seu papel definitorio da idiosincrasia e tradición galegas senón tamén polo que supón como motor económico no rural e como vertebrador do territorio.