A Xunta oferta este curso preto de 40.000 prazas en oito programas educativos para traballar a convivencia e a igualdade nas aulas
A Consellería de Educación ten en marcha un abano de propostas variadas enfocadas a cada etapa escolar
Os alumnos participan en distintos obradoiros e relatorios sobre temáticas como a diversidade e a inclusión, o uso responsable das tecnoloxías e o benestar emocional
Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2025
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP oferta este curso preto de 40.000 prazas en oito programas escolares para traballar a convivencia e a igualdade nas aulas a través de propostas variadas e enfocadas a cada etapa educativa.
Neles afóndase en temáticas aliñadas cos obxectivos da Xunta de Galicia de promover que os centros escolares sexan lugares onde se blinde a convivencia e a inclusión, o respecto á diversidade, a igualdade efectiva de dereitos e oportunidades entre homes e mulleres, o benestar emocional e o uso seguro e responsable das tecnoloxías, tal e como se recolle na Estratexia galega de convivencia escolar.
Nesta liña, no ámbito das novas tecnoloxías, a Consellería desenvolve un amplo abano de iniciativas para garantir o uso saudable, seguro e equilibrado da internet por parte do alumnado, como son o Programa de iniciación segura á pegada dixital e ás redes sociais, Navega con Rumbo, Pasando a bóla, xogando para cambiar e CiberLiga.
No que atinxe á sensibilización respecto aos estereotipos de xénero e promover a igualdade nas aulas e o benestar emocional, están en marcha programas específicos como EduReferentes, Cinema con Perspectiva, Que non te líen, ti elixes e Educación Responsable.
Iniciación segura á pegada dixital
Enmarcado na aposta da Xunta polo benestar dixital do alumnado, o Programa de iniciación segura á pegada dixital e ás redes sociais está dirixido ao alumnado de 2º, 3º e 4º de ESO e de FP Básica que, a través dun obradoiro de carácter práctico impartido por especialistas da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), traballan a xestión segura das redes sociais que máis están a utilizar os menores.
A finalidade é capacitalos no uso seguro, responsable e proveitoso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), reforzando as súas competencias para xestionar dun modo axeitado os seus perfís nas redes sociais e afondando nas opcións de seguridade e privacidade. Desta forma preténdese explicar aos máis novos a importancia da identidade e a pegada dixital e ofrecerlles ferramentas e recursos aos que poder acudir cando teñan dúbidas ou problemas nesta área.
Neste programa, cuxa convocatoria deste ano se resolverá proximamente, o curso pasado participaron máis de 7.300 alumnos de 200 centros educativos.
Navega con Rumbo
Un dos programas máis afianzados no sistema educativo neste eido, que este ano celebrará a súa décimo cuarta edición, é Navega con rumbo, que a Consellería desenvolve en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia co fin de guiar aos estudantes nunha navegación segura en internet de xeito útil e responsable, ao tempo que tamén se lle facilitan ferramentas aos docentes para uso didáctico na aula.
Ao abeiro do mesmo, especialistas levan a cabo xornadas divulgativas dunha hora de duración nos centros de ensino, dirixidas ao alumnado de 5º e 6º de Primaria, 1º de ESO e 1º de FP Básica para guialo cara unha navegación segura, tratando de evitar que sexan vítimas de condutas como o ciberacoso ou outros riscos da rede.
Así mesmo, faise partícipe a profesorado e familias das recomendacións que eles poden aprender de xeito que tamén sexan transmisores para o alumnado. Inclúe, ademais, unha Guía de Boas Prácticas en Internet dispoñible en soporte dixital e en formato impreso nos propios centros.
A falta de pechar a convocatoria deste curso, cuxo prazo de presentación de solicitudes rematará o 4 de outubro, o pasado 2024-25 acadou os 8.600 participantes de 239 centros.
Pasando a bóla
A este mesmo obxectivo responde o programa Pasando a bóla, xogando para cambiar, que se puxo en marcha por primeira vez o pasado curso 2024-25. A actividade consiste nunha representación teatral de 45 minutos, que se desenvolve da man do grupo A Xanela do Maxín, creador da idea. Nela, unha persoa desempeña o papel de mestra de cerimonia e, coa colaboración voluntaria do alumnado, pon en escena situacións construídas especialmente para representar diferentes formas de acoso escolar.
Despois da representación, o alumnado convértese en parte activa do proceso achegando ideas para resolver as actitudes e os comportamentos contrarios á convivencia representados. Deste xeito, estimúlase a reflexión e a capacidade crítica sobre os diferentes axentes que interveñen nun caso de acoso escolar.
Este programa vai dirixido ai dirixido ao alumnado de 3º a 6º de Primaria e o pasado curso participaron 3.500 alumnos de 50 centros educativos. Nestes momentos está aberta a convocatoria deste ano e os centros interesados teñen de prazo ata o 5 de outubro para solicitar participar no mesmo.
CiberLiga
A través deste programa impulsado pola Garda Civil co apoio da Consellería, os alumnos reciben formación sobre o uso seguro das tecnoloxías, a través dunha sesión en streaming que combina explicacións teóricas e prácticas. Toman parte, ademais, nunha competición na que deben resolver un ciber-reto, que inclúe unha exposición explicativa e unha práctica final para aplicar os coñecementos adquiridos.
O pasado curso formáronse ao abeiro do mesmo máis de 1.500 alumnos de 4º de ESO de 51 centros educativos.
EduReferentes
Co obxectivo de rachar cos estereotipos de xénero, EduReferentes permite aos estudantes coñecer de primeira man a experiencia de mulleres líderes nos seus sectores. Ao abeiro desta iniciativa, impulsada pola Consellería en colaboración con Executivas de Galicia, o alumnado asiste a charlas de 50 minutos a cargo de dúas profesionais referentes galegas en dous ámbitos profesionais diferentes para visibilizar a figura da muller en postos tradicionalmente masculinizados. Nestas sesións trabállanse cos estudantes os mitos sobre os diversos perfís desde unha perspectiva de xénero.
Tamén se desenvolven obradoiros educativos sobre softskills (as competencias relacionadas coa forma que ten unha persoa de relacionarse coa súa contorna social) e creatividade guiados por mulleres expertas e tamén centrados na educación emocional con perspectiva de xénero. A maiores, o programa inclúe mentorías individualizadas para unha selección de cinco estudantes por centro. As mulleres mentoras comparten a súa experiencia e coñecementos, apoiando ao alumnado na busca das súas fortalezas, habilidades e intereses ao longo de diversas sesións individualizadas. O pasado curso participaron neta acción 804 alumnos de 20 centros educativos. Para participar na edición deste ano, os centros dispoñen de prazo ata o 26 de setembro para inscribirse.
Cinema con Perspectiva
O programa Cinema con perspectiva, que se desenvolve en colaboración coa asociación cultural FICBUEU, está dirixido ao alumnado de 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º de ESO, e ten como obxectivo educar na identificación e tratamento dos estereotipos sexistas presentes na narrativa do cinema e noutras formas de expresión audiovisual. Así mesmo, o alumnado participante poderá crear un produto (guión, plan de rodaxe, etc.) para pór en escena unha sinxela produción audiovisual con perspectiva de xénero.
Pendente de abrir a convocatoria deste ano, o pasado curso participaron nel un total de 40 centros e 1.248 alumnos.
Que non te líen. Ti elixes
Este programa, impulsado polas consellerías de Emprego, Comercio e Emigración e de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, ten como obxectivo promover a orientación vocacional libre de estereotipos sexistas, especialmente na elección de profesións e estudos do ámbito da Formación Profesional con baixa presenza feminina. Nel búscase fomentar o pensamento crítico para identificar estes estereotipos e destacar a mulleres referentes en profesións masculinizadas.
Na edición do pasado curso participaron uns 10.200 alumnos de ESO duns 160 centros. Nestes momentos está aberta a convocatoria deste ano, que pecha o 4 de outubro.
Educación responsable
A Consellería de Educación, en colaboración coa Fundación Botín, desenvolve o programa Educación responsable, para o desenvolvemento da educación emocional, social e da creatividade
Céntrase en promover o desenvolvemento saudable do alumnado, a partir do traballo co profesorado, co alumnado e coas familias, favorecendo o desenvolvemento da educación emocional, social e creativa para acadar un maior benestar persoal, social e laboral. Así mesmo a iniciativa procura contribuír á mellora do clima de convivencia no centro docente e ao éxito escolar do seu alumnado.
O pasado curso participaron neste programa uns 90 centros e 5.500 alumnos.