O delegado territorial da Xunta supervisa o remate das obras da reforma e mellora dunha rúa en Fumaces, no concello de Riós
Manuel Pardo destacou que esta actuación é froito dun acordo de cooperación subscrito entre a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e o concello, que supuxo un investimento total de máis de 237.000 euros, dos que o 70% foi unha achega do Goberno galego
O delegado territorial explicou que o obxectivo desta intervención, enmarcada no plan Hurbe, é mellorar a accesibilidade da poboación deste municipio ourensán e contribuír á mellora paisaxística da contorna do Camiño de Santiago
O representante do Goberno galego destacou que a través deste programa da Xunta búscase contribuír a promover o desenvolvemento das vilas e núcleos rurais da comunidade autónoma como motores de dinamización
Ourense, 22 de setembro de 2025
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, supervisou esta mañá, da man da alcaldesa, Eva María Barrio, o remate das obras da reforma e mellora dunha rúa no núcleo de Fumaces, no concello de Riós, grazas a un acordo de cooperación subscrito entre a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e o ente municipal, que contou cun investimento de máis de 237.000 euros, dos que o 70% foi unha achega do Goberno galego.
O delegado territorial explicou que con esta intervención mellorouse a accesibilidade da poboación deste municipio ourensán e contribuíuse á mellora paisaxística da contorna do Camiño de Santiago. En concreto os traballos consistiron no levantamento do pavimento existente, arranxando aqueles tramos da canalización de augas pluviais que presentaban deficiencias e na colocación dunha nova pavimentación polo tramo que pasa a Vía da Prata.
Na súa visita, Manuel Pardo salientou que esta actuación desenvolveuse ao abeiro do chamado plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego en 2010 que, como sinalou o delegado territorial, apoia ás administracións locais para financiar diferentes tipos de intervencións urbanísticas, de xeito especial humanizacións e mellora de espazos e equipamentos públicos.
Nesta liña, enmarcou estes traballos na continuada colaboración entre a Xunta e as entidades locais para a execución de obras e outras actuacións de mellora de contornas urbanas, de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas e de equipamentos públicos que teñan por finalidade a revitalización do territorio e o reequilibrio territorial.
O representante do Goberno galego tamén lembrou que se trata dun exemplo dos beneficios que aporta a cooperación permanente e sólida coas entidades locais, co fin de contribuír a promover o desenvolvemento das vilas e núcleos rurais da comunidade autónoma como motores de dinamización ao converterse en puntos de localización dun importante número de servizos públicos e privados que permiten achegar o modelo urbano a todo o territorio.