A Xunta entrega en Rábade os premios da 6ª campaña da iniciativa ‘Merca no teu comercio’ en Lugo
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou hoxe no acto no que se repartiron 20 tarxetas prepago de 50 euros entre as persoas participantes
Alí lembrou que a campaña, realizada en colaboración coa Federación Galega de Comercio, continúa activa ata o 30 de setembro en Guitiriz
Tamén recordou que segue aberto ata este próximo venres o prazo para optar aos Premios do Comercio Galego 2025, que contan con cinco categorías destinadas a recoñecer e visibilizar o labor dos profesionais do sector
Rábade (Lugo), 22 de setembro de 2025
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado polo presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, e pola alcaldesa de Rábade, Remedios González, participou hoxe no acto de entrega dos premios da sexta edición quincenal do programa Merca no teu comercio na provincia de Lugo. Trátase dunha iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia en colaboración coa devandita federación que concluíu hoxe no caso de Rábade coa repartición de 20 tarxetas prepago de 50 euros entre as persoas participantes, que poderán empregalas nos establecementos locais adheridos ata o 31 de decembro.
A campaña desenvolveuse entre o 15 e o 30 de agosto, coa finalidade —incidiu Alén— de fomentar o consumo nos negocios de proximidade, poñer en valor o seu papel como motor económico e social nas vilas rurais e reforzar a súa actividade en territorios cun menor asociacionismo. Actualmente segue en marcha —ata o 30 de setembro— no concello de Guitiriz. A continuación, a partir do 1 de outubro, iniciarase en Castro de Rei, Cospeito e Muimenta.
Premios do Comercio Galego 2025
O director xeral lembrou tamén que os comercios interesados en presentarse aos Premios do Comercio Galego 2025 teñen de prazo ata este venres 26 de setembro para formalizar as súas candidaturas. Os galardóns repartiranse en cinco categorías: o Premio Comercio Galego 2025, dotado con 5.000 euros; o Premio Comercio Traxectoria 2025, con 3.000 euros; o Premio Comercio Emprende 2025, tamén con 3.000 euros; o Premio Comercio Dinamización 2025, que ascende a 5.000 euros; e o Premio Comercio Sostible 2025, cun importe de 3.000 euros.
Gabriel Alén puxo de relevo que esta convocatoria se enmarca na estratexia da Xunta para fortalecer un sector comercial moderno, competitivo e preparado para responder ás novas tendencias de consumo, ao tempo que se recoñece o seu peso como xerador de emprego e riqueza e como elemento clave para a vertebración do territorio.