Un dos maiores expertos mundiais en atención á diversidade inaugurará mañá o II Congreso de Educación Inclusiva da Xunta

Arredor de 700 asistentes, entre expertos internacionais e representantes de centros educativos, compartirán experiencias arredor da inclusión, a diversidade e a saúde emocional

Galicia exporá o seu modelo de liderado neste eido, que é a prioridade número un de Goberno, cun abano de iniciativas a través da nova Estratexia EduInclúe 2030

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2025

Referentes mundiais en inclusión e equidade, como o catedrático emérito da Universidade de Mánchester, Mel Ainscow, que abrirá a conferencia inaugural, participan mañá no II Congreso de Educación Inclusiva da Xunta de Galicia, un foro que reunirá en Santiago a uns 700 asistentes entre expertos e representantes de centros educativos co obxectivo de fortalecer a convivencia escolar, promover a igualdade de oportunidades e potenciar o benestar emocional da comunidade educativa. O encontro celébrase na Cidade da Cultura, entre as 9,00 e as 19,00 horas, e poderá seguirse na canle de Educación da Xunta en YouTube.

A cita pretende ser un punto de encontro e intercambio de información e boas prácticas nun eido onde Galicia ostenta o liderado estatal co 93,3 % do alumnado con necesidades escolarizado en centros ordinarios fronte ao 85,2 % de media española.

A segunda edición deste congreso avala a inclusión educativa como a prioridade número un para o Goberno galego que, a través da Estratexia galega de inclusión educativa EduInclúe 2030 que entra en vigor este curso, ten en marcha unha serie de medidas transversais, planificadas e de consenso co fin de reforzar este eido.

Programa

Ademais da conferencia inaugural de Mel Ainscow sobre experiencias internacionais en mellora escolar, o programa complétase coa participación da doutora en Psicoloxía e Logopeda Rosabel Rodríguez, cun relatorio sobre alumnado con altas capacidades intelectuais; a ponencia A atención á diversidade na aula: decálogo de competencias da profesora da Universidade de Santiago de Compostela María Dolores Fernández, e o coloquio de Macarena Cortés, docente da Universidade Europea de Madrid, que presentará estratexias para a xestión da conduta na aula.

O congreso tamén contará cunha mesa redonda de boas prácticas inclusivas en centros escolares galegos, coa participación do Instituto Perdouro de Burela, o Instituto Carlos Casares de Viana do Bolo, o Colexio Plurilingüe de Leirado de Salvaterra do Miño e o Colexio Graxal de Cambre, que amosarán proxectos desenvolvidos nos seus centros.

A xornada continuará pola tarde coa ponencia de José Ramón Gamo, especialista en TDAH, quen ofrecerá unha conferencia sobre a relación entre este trastorno e as emocións, e Carlos García, psicólogo e profesor da Universidade Internacional da Rioxa, quen pechará o encontro cunha intervención inspiradora baixo o título Superheroes en EducACCIÓN.

En paralelo, un total de 26 asociacións de atención á diversidade dispoñerán dun espazo informativo durante os descansos, mentres que 57 representantes de 30 entidades sociais asistirán como participantes activos, favorecendo así o intercambio de coñecemento e experiencias.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/09/2025