O conselleiro de Educación comparece a petición propia ante o Pleno do Parlamento
A Xunta creará por lei a nova Oficina de apoio ao profesorado para darlle a máxima protección
Román Rodríguez avanza que este novo servizo se materializará este outono a través da modificación da Lei de convivencia e participación da comunidade educativa
Galicia demandará ao Goberno central a actualización dos temarios das oposicións para adecualos aos novos retos, así como a mellora do acceso á docencia
Anuncia novas iniciativas para fomentar a lectura nos centros, co apoio de profesorado experto, así como unha liga de debate e oratoria en inglés
Adianta un programa de integración para o alumnado estranxeiro dirixido a aqueles colexios e institutos que conten cunha maior porcentaxe destes estudantes
A Consellería lanzará 4.500 prazas en actividades extraescolares cun programa de fomento da convivencia dixital e o uso seguro das tecnoloxías
Salienta a gran normalidade do inicio do curso logo de meses de traballo e marca o camiño para seguir mellorando a calidade e a equidade do ensino galego
Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, anunciou hoxe que a nova oficina de apoio ao profesorado se creará por lei co obxectivo de darlle o máximo rango normativo e ofrecer así aos docentes a maior protección e asesoramento con este novo servizo. O titular de Educación da Xunta adiantouno así no Pleno do Parlamento, onde compareceu a petición propia para informar sobre as accións do seu departamento para seguir mellorando o ensino logo de superar o inicio do curso con gran normalidade.
Tras expoñer polo miúdo o traballo desenvolvido para garantir unha exitosa volta ás aulas, o conselleiro debullou un abano de novas medidas que responden á segunda fase do que cualificou como “a maior transformación organizativa dos sistema educativo galego das últimas tres décadas”, con actuacións estruturais que arrancaron o ano pasado e que se reflicten xa na baixada de ratios, na mellora de atención á diversidade, no apoio ao rural e na blindaxe das sinais de identidade da escola galega como son a inclusión, a equidade e a convivencia, cun ensino á carta, onde cómpre apoiar máis a quen máis o precisa.
Román Rodríguez explicou que a nova oficina de apoio ao profesorado, avanzada polo presidente Alfonso Rueda no verán, materializarase mediante unha modificación da Lei de convivencia e participación da comunidade educativa. A Consellería está ultimando neste momento esta iniciativa para asesorar, informar, amparar e protexer aos docentes. Os cambios legais plasmaranse este outono na Lei de medidas fiscais de administrativas do vindeiro ano, texto que recollerá os detalles para a creación da devandita oficina.
Este proxecto forma parte da estratexia da Xunta para reforzar a figura do profesorado e a súa autoridade como garante da convivencia. “Os docentes son fundamentais neste ámbito, polo que queremos incidir no seu papel como autoridade pública e, ao mesmo tempo, garantir que eles mesmos non sexan vítimas de violencia”, subliñou o conselleiro, que amosou o “total apoio” do seu departamento ante “calquera situación de ameaza ou acoso que poidan sufrir, xa sexa verbal, física ou a través das redes sociais”.
Prestixiar o labor do profesorado
Paralelamente, e co fin de prestixiar a profesión e blindar a calidade do sistema educativo, trabállase na actualización da carreira docente co fin de dar resposta aos desafíos de presente e futuro. Neste eido, Román Rodríguez avoga por implementar, canto antes, unha mellora do proceso de oposicións, o que inclúe a “necesaria actualización dos temarios”. Nese senso, anunciou que a Xunta demandará ao Goberno do Estado, como responsable nesta materia, que actúe neste ámbito e proceda á súa revisión dado que, con frecuencia, están desactualizados e desconectados da realidade actual.
O conselleiro considera necesario tamén un consenso a nivel estatal para adecuar o número de prazas nas facultades ás necesidades reais, renovar o sistema de acceso para captar os mellores profesionais para ser docentes e optimizar a súa formación.
Así mesmo, Román Rodríguez avanzou que se está traballando nun Plan de igualdade para o profesorado que, xunto co Plan de redución da burocracia co primeiro paquete de medidas xa en marcha este curso e coa mellora das condicións salariais, supoñen pasos adiante cara unha profesión “cada vez máis prestixiada, recoñecida e atractiva”. Este Plan de Igualdade, que se está a preparar en diálogo coas organizacións sindicais, busca progresar nun entorno laboral seguro, respectuoso e equitativo para a diversidade das persoas que interactúan nos centros e que engloba persoal docente e non docente.
Comprensión e pensamento crítico
Sobre os programas pedagóxicos, referiuse ao impulso do novos plans de lectura que se presentarán en breve e á implantación dun tempo diario na aula dedicado a este hábito para estimular a comprensión e fomentar o pensamento crítico. Se ben todos os estudos internacionais que analizan esta variable sitúan a Galicia por riba da media estatal e da OCDE e é a Comunidade con máis bibliotecas escolares, “pensamos que hai marxe de mellora”, subliñou o conselleiro, que anticipou tamén a constitución da Rede galega de fomento da lectura, con profesorado experto que dará apoio aos centros neste labor.
Outra das novidades neste eido será o impulso da oratoria e o debate nos centros co fin de favorecer a comunicación oral. Como anunciou o conselleiro, este curso será o primeiro no que se incorpore ao sistema educativo galego o modelo Global Classrooms, un debate escolar en inglés impulsado por Nacións Unidas e dirixido ao alumnado de 3º de ESO, que fomentará a participación de centros galegos a nivel nacional e internacional.
Achegamento á cultura de Galicia
No eido da integración, Román Rodríguez anunciou un programa para aqueles centros onde a porcentaxe de estudantes estranxeiros sexa maior. O obxectivo ante esta realidade crecente é poñer todas as ferramentas á disposición para facilitar a súa acollida. Con este fin, a Consellería prepara un proxecto centrado en favorecer a incorporación, de maneira que o alumnado poida coñecer máis polo miúdo e valorar a nosa cultura e as nosas tradicións con actividades relacionadas coa lingua, a música, a danza ou gastronomía.
A tolerancia cero co bullying é outra das prioridades da Xunta de Galicia en materia educativa, unha problemática que esixe un compromiso colectivo. Logo de poñer en marcha na última semana dúas iniciativas novidosas (o Termómetro Acoso Escolar e o Protocolo contra a violencia no ámbito educativo), Román Rodríguez anunciou que nos vindeiros días se lanzará un programa de actividades extraescolares para outono centrado en fomentar a convivencia dixital responsable e o emprego seguro das tecnoloxías con máis de 4.500 prazas das que as familias poderán beneficiarse de xeito gratuíto.
Unha Lei de educación dixital participativa
É unha medida en liña cos obxectivos da futura Lei de educación dixital, iniciativa que vai centrar boa parte dos esforzos da Consellería durante os vindeiros meses para estar plenamente vixente o próximo curso. Nese senso, Román Rodríguez avanzou que mañá mesmo comezará a rolda de reunións coa comunidade escolar para recoller achegas e facer así un texto moi participativo que aspira a abrir camiños en Galicia e fóra dela.