A Xunta inviste 1,1 M€ na mellora de camiños rurais en 18 concellos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal
A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, acompañada de alcaldesa, Ana López, supervisou esta mañá os traballos que se están a acometer no concello de Cariño con cargo a estas axudas
Este programa da Consellería do Medio Rural está dotado con 19,5 millóns de euros para as anualidades 2025-2026 e finánciase con fondos propios
Cariño (A Coruña), 23 de setembro de 2025
A Xunta inviste 1,1 M€ na mellora de infraestruturas viarias en 18 concellos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal a través do Plan Camiña Rural 2025-2026. A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, informou da resolución deste programa da Consellería do Medio Rural durante unha visita ao concello de Cariño.
Acompañada da alcaldesa da localidade, Ana López, a responsable autonómica trasladouse á parroquia de Sismundi onde o Concello está a acometer a pavimentación e mellora do camiño municipal do Pousadoiro grazas a unha achega de 54.510 euros deste plan que tamén inclúe a adecuación dos camiños do Plantío e Xanico. Os traballos consisten na aplicación dunha dobre capa de rega asfáltica e aglomerado quente.
O Plan Camiña Rural 2025-2026 que ten por obxectivo financiar as actuacións de mellora ou mantemento dos camiños municipais que dan acceso en calquera punto do seu trazado a polo menos dúas parcelas agrícolas, está dotado con 19,5 millóns de euros de fondos propios. O investimento está distribuído en dúas anualidades, 9,5 millóns de euros para 2025 e 9,99 millóns para 2026.
Tal e como lembrou Aneiros, a través del os Concellos poden financiar actuacións de ampliación, que supoñan un incremento da lonxitude dos camiños, que incidan na seguranza viaria e permitan o cruce de vehículos; de mellora, para reforzar o firme existente coa incorporación de novas capas e a adecuación de obras de paso de cursos fluviais; e o mantemento do firme e as súas marxes.
A delegada territorial destacou a importancia deste programa autonómico pola súa “contribución á mellora da accesibilidade no medio rural, a fixación de poboación e ao incremento da competitividade das explotacións agrarias”, indicou.