O delegado territorial participou esta mañá no acto de inauguración do Congreso Aquaxi´25 que se vai desenvolver no Edificio Politécnico do Campus de Ourense
Manuel Pardo destaca o compromiso da Xunta no desenvolvemento termal da provincia de Ourense
O delegado territorial puxo en valor o convenio que vén de asinar a Xunta e a Universidade de Vigo, para impulsar o Campus Auga tras acadar a súa acreditación como campus de especialización. Con este novo acordo elevan a 11,8M€ o investimento desde 2013 para convertelo nunha das sinerxías científicas de Ourense
Manuel Pardo subliñou que o Campus da Auga xa está a potenciar a singularidade e a especialización que existe en Ourense arredor das temáticas da auga, aproveitando o potencial de Ourense, segunda cidade europea en potencial termal
O representante do Goberno galego lembrou que a Xunta ven de elaborar o Plan de Turismo Termal de Galicia 2025-2028 dotado de 10 millóns de euros
Aquaxi´25, nace co obxectivo de recoñecer o talento e o esforzo das mozas e mozos investigadores que participarán coas súas contribucións, ás que a organización outorgará diferentes premios (ao mellor póster, comunicación oral e idea innovadora) e tres distincións ao mellor traballo predoutoral
Ourense, 24 de setembro de 2025
“O proxecto de especialización do campus de Ourense arredor dos recursos hídricos ten ao termalismo como punto de referencia, e nesta liña quero destacar que a Goberno autonómico vén de elaborar o Plan de Turismo Termal de Galicia 2025-2028 dotado de 10 millóns de euros para, ademais de consolidar a nosa posición privilexiada neste sector, potenciar os atributos de calidade do termalismo galego, reforzar a profesionalización no turismo termal, e impulsar a actividade turística das contornas rurais”; así principiou a súa intervención o delegado territorial da Xunta, no acto de inauguración do Congreso Aquaxi´25 que se vai desenvolver no Edificio Politécnico do Campus de Ourense.
O delegado territorial da Xunta en Ourense referiuse ao Campus da Auga “como un centro de referencia e excelencia científica, con capacidade de proxección exterior e de creación de valor económico e social como motor de desenvolvemento territorial na provincia”.
Puxo en valor Manuel Pardo o convenio que vén de asinar a Xunta e a Universidade de Vigo, para impulsar o Campus Auga tras acadar a súa acreditación como campus de especialización. Con este novo acordo elevan a 11,8M€, o investimento desde 2013 para convertelo nunha das sinerxías científicas de Ourense, situando á cidade na vangarda europea da investigación e da innovación en torno a este recurso natural.
Tras agradecer ao reitor da Universidade de Vigo a súa presenza no acto, o representante do Goberno galego subliñou que o Campus da Auga xa está a potenciar a singularidade e a especialización que existe en Ourense arredor das temáticas da auga, aproveitando o potencial de Ourense, segunda cidade europea en potencial termal (despois de Budapest) con máis de 4 millóns de litros de auga mineromedicinal.
Neste liña, o representante do Goberno galego lembrou que a Xunta ven de elaborar o Plan de Turismo Termal de Galicia 2025-2028 dotado de 10 millóns de euros para, ademais de consolidar a nosa posición privilexiada neste sector, potenciar os atributos de calidade do termalismo galego, reforzar a profesionalización no turismo termal, e impulsar a actividade turística das contornas rurais e promocionar e comercializar novos produtos turístico.
O Congreso
Aquaxi´25, nace co obxectivo de recoñecer o talento e o esforzo das mozas e mozos investigadores que participarán coas súas contribucións, ás que a organización outorgará diferentes premios (ao mellor póster, comunicación oral e idea innovadora) e tres distincións ao mellor traballo predoutoral (incluíndo grao, mestrado e doutoramento e concedendo unha distinción para cada unha das liñas principais do congreso).
Ao longo dos dous días de celebración, no congreso presentaranse arredor de 25 comunicacións orais e 85 pósters, xirando arredor de tres eixes temáticos, en consonancia coas liñas estratéxicas do Campus Auga. O primeiro é alimentación funcional, abranguendo desde a alimentación sostible, circular e valorización de subprodutos ata a biotecnoloxía, a trazabilidade e a calidade alimentaria. O segundo eixe é agricultura e medio ambiente, abarcando desde as funcións do solo e servizos ecosistémicos ata a agricultura intelixente, de conservación, rexenerativa e resiliente. Por último, está a xestión da auga termal, con temas como a xestión dos seus xacementos e os seus usos indirectos e lúdicos. Complementariamente tamén se abordarán cuestións de intelixencia artificial, economía circular e lexislación agroalimentaria e ambiental.