Belén do Campo asiste ao acto institucional no Centro Penitenciario de Teixeiro con motivo da celebración da súa patroa Nosa Señora da Merced

Curtis (A Coruña), 24 de setembro de 2025

A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez e polo alcalde de Curtis, Javier Caínzos,  asistiu ao acto institucional celebrado no Centro Penitenciario de Teixeiro con motivo da festividade a Nosa Señora da Merced, patroa de Institucións Penitenciarias.

A conmemoración, que se desenvolve anualmente, incluíu diferentes actos solemnes e a tradicional entrega de distincións e condecoracións ao persoal que destacou no desempeño das súas funcións. A cerimonia contou coa presenza de autoridades civís e militares, representantes de institucións membros da administración penal, nun marco de recoñecemento ao traballo realizado polos profesionais do centro.

A Xunta de Galicia ten diferentes liñas de colaboración con este organismo entre as que destacan os equipos de Inclusión Nelson Mandela, que forma parte da Rede de Equipos de Inclusión do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Este equipo conta, en total, con 20 grupos de traballo e está cofinanciado pola Unión Europea.

No módulo 1 do centro penitenciario de Teixeiro, o equipo de Inclusión do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, desenvolve un programa específico de “Preparación para a vida en liberdade”, é un módulo de respecto, educativo e convivencial destinado a internos/as penados/as que pola súa traxectoria e contía de condena, poidan optar a un 3º grao nun prazo medio de tempo. Desde o 2021 deuse o visto bo para acoller neste módulo tamén a mulleres internas.

O obxectivo é a adquisición de destrezas e habilidades para favorecer a adecuada reincorporación da persoa reclusa á súa contorna sociocomunitaria: competencias persoais, sociais, e hábitos de vida saudables, orientadas a un comportamento prosocial, así como a adquisición de habilidades e destrezas básicas dirixidas ao emprego.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/09/2025