A Xunta considera “deficiente ou case nula” a atención de Renfe ás persoas afectadas polos cortes ferroviarios durante a vaga de lumes

Segundo afirmou o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes no Parlamento, “a información e as alternativas de traslado foron insuficientes e a tramitación das devolucións complicadísima”

O Goberno galego critica o anuncio de que Renfe estuda presentar unha reclamación polos prexuízos causados

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2025

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, criticou hoxe no Parlamento a “deficiente ou case nula” atención de Renfe ás persoas afectadas polos cortes ferroviarios durante a vaga de lumes. Para o conselleiro, tanto a información como as alternativas de traslado foron “insuficientes” e a tramitación das devolucións “complicadísima”. Sinalou que o Goberno central só foi capaz de trasladar a 5.000 persoas, o 10% das 50.000 persoas afectadas. 

Diego Calvo preguntouse se no caso de que as persoas afectadas tivesen como procedencia ou destino outro territorio o comportamento do Goberno central sería o mesmo.

Na súa intervención, o conselleiro referiuse tamén ao anuncio do ministro de Transportes e Mobilidade Sostible, Óscar Puente, de que Renfe estuda presentar unha reclamación de responsabilidade patrimonial a Galicia e Castela e León polos prexuízos causados pola interrupción dos  servizos ferroviarios por mor dos incendios. Nesta liña, lamentou a ameaza do ministro e lembrou os indicios de que algúns dos incendios fosen ocasionados polas chispas producidas por trens.

Valoración da situación en Palestina

Na sesión parlamentaria de hoxe, o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes respondeu unha pregunta sobre a valoración do Goberno galego da situación actual en Palestina, incidindo no rexeitamento ao conflito e na condena tanto da traxedia que se vive en Gaza como dos ataques do grupo terrorista Hamás. Diego Calvo criticou ademais que os grupos da oposición utilicen este tema como “cortina de fume” para desviar a atención de asuntos dos que non lles interesa abordar, como os escándalos de corrupción que rodean o Goberno central e a figura do presidente Pedro Sánchez.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/09/2025