O conselleiro de Educación visita o CIFP Politécnico de Santiago para comprobar o resultado das obras de cambio de cuberta dos talleres de madeira
A Xunta inviste máis de 28 M€ en obras para mellorar os centros integrados de Formación Profesional
Neste momento están en execución cinco actuacións neste tipo de centros, cun orzamento de 7,6 M€ e xa hai comprometidas outras 10 intervencións
Enmárcase na aposta do Goberno galego pola FP “unhas ensinanzas que viven unha gran evolución e son hoxe sinónimo de calidade, prestixio e utilidade”, afirma
Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou hoxe que a Xunta está a investir máis de 28 M€ en obras de ampliación e mellora nos centros integrados de Formación Profesional de toda Galicia ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica. Fíxoo nunha visita ao Centro Integrado de FP Politécnico de Santiago, acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, onde comprobou o estado das actuacións xa rematadas de cambio de cuberta dos actuais talleres de madeira, cun orzamento de máis de 335.000 €.
Román Rodríguez enmarcou este investimento na aposta do Goberno galego pola Formación Profesional, “unhas ensinanzas que nos últimos anos teñen experimentado unha gran evolución e son hoxe sinónimo de calidade, prestixio e utilidade”, afirmou. Neste sentido, salientou que a matrícula se duplicou con respecto ao curso 2008/09, “a falta de coñecer os datos deste ano, dado que a matrícula está aínda aberta ata mañá”.
No que atinxe ás obras nos CIFP, explicou que neste momento están en execución catro actuacións cun orzamento de 7,3M€. Trátase da ampliación do CIFP Fontecarmoa (Vilagarcía, 3,7 M€), dos cambios de cuberta dos CIFP Valentín Paz Andrade (1,9 M€) e Manuel Antonio (1,5 M€), ambos en Vigo, e do cambio de cuberta e reforma interior da antiga vivenda do conserxe no CIFP Porta da Auga (Ribadeo, 120.000 €). Ademais, están xa licitadas a rehabilitación integral do CIFP Ánxel Casal - Monte Alto (A Coruña, 2,4 M€) e a mellora das instalacións eléctricas do CIFP Carlos Oroza (Pontevedra, 184.000 €).
Así mesmo, o conselleiro lembrou que están xa rematadas intervencións como as ampliacións do CIFP Carlos Oroza (Pontevedra, 2,7 M€), CIFP Politécnico de Lugo (cun novo edificio para os talleres de carpintería, 1,2 M€), do CIFP Vilamarín (Vilamarín, 792.000 €) e a primeira fase da do CIFP Fragas do Eume (365.000 €). Tamén os cambios de cuberta do CIFP Universidade Laboral (514.000 €) e do CIFP A Xunqueira (429.000 €).
Por outra banda, hai xa comprometidas outras 10 obras, por un importe estimado de máis de 9,8 M€, que se irá concretando a medida que se pechen os proxectos. Son actuacións tan ambiciosas como as ampliacións do CIFP Ferrolterra (Ferrol), CIFP Imaxe e Son e CIFP Paseo das Pontes (ambos na Coruña), CIFP A Farixa e CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel (Ourense) e a rehabilitación integral e ampliación do CIFP Leixa (Ferrol), entre outras.
Máis de 9,7 M€ en Santiago
Román Rodríguez puxo en valor, así mesmo, un investimento de máis de 9,7 M€ ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica en Santiago de Compostela. Neste momento, na cidade están en execución catro obras por importe de máis de 4,1 M€. Son a ampliación do Instituto Eduardo Pondal (3 M€), a reforma do Museo Pedagóxico de Galicia (504.000 €), o cambio de cuberta do IES A Pontepedriña (306.000 €) e as obras de cubrición de acceso, mellora de accesibilidade e eficiencia enerxética no Colexio de Prácticas López Ferreiro (264.000 €). Ademais, está licitada a rehabilitación do IES Arcebispo Xelmírez II (1,8 M€).
No que atinxe á actuación no Politécnico, consiste na substitución da cuberta e da parte superior das fachadas dos talleres de madeira por un panel sándwich de espesor 30 mm. Para introducir luz no interior, instálanse carpinterías de aluminio nas catro fachadas da nave principal, que serán practicables e monitorizadas para xerar ventilación cruzada no interior. Tamén se reforza a estrutura da cuberta e renóvanse os canos e baixantes, entre outras intervencións relacionadas.
Laboratorios de Química
O conselleiro aproveitou a visita para coñecer tamén os novos laboratorios de Química do centro, realizados tras ser o centro escollido como membro da Rede Estatal de Centros de Excelencia en FP. Trátase de espazos especializados que permiten ao alumnado realizar prácticas reais en condicións similares ás dun entorno profesional.
Os laboratorios están dotados con Instrumentación analítica avanzada (cromatógrafos, balanzas de precisión, espectrofotómetros, pH-metros, etc), postos individuais de traballo con acceso a reactivos, material de vidro e sistemas de seguridade, zonas diferenciadas para prácticas de química orgánica, inorgánica, microbioloxía e control ambiental e software de xestión de datos e informes para análise de resultados e simulacións, entre outro equipamento.