A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, informou hoxe sobre este asunto na Comisión 5ª do Parlamento de Galicia

A Xunta actualizará o protocolo de atención temperá e acreditará os centros que prestan este servizo

A mellora do protocolo vixente farase en consenso con entidades sociais, concellos, colexios de profesionais e familias

Elaborarase unha orde específica para que todas os centros conten cuns requisitos de calidade comúns

Na actualidade, Galicia conta xa con 51 unidades de atención temperá, que dan cobertura a 200 concellos e atención a unhas 6.000 familias

Santiago de Compostela, 25  de setembro de 2025

A Xunta actualizará o protocolo autonómico de atención temperá e traballa nunha orde específica de acreditación de centros. Así o avanzou esta mañá a directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, na súa comparecencia na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento de Galicia para dar conta da situación deste servizo.

Begoña Abeijón informou de que na mellora do protocolo vixente, que se puxo en marcha fai dez anos, participarán as Consellerías de Política Social e Igualdade, Educación e Sanidade, e que terá por obxecto dar resposta aos novos desafíos para seguir mellorando a prevención, detección e tratamento de problemas de desenvolvemento na primeira infancia. Ademais, apuntou que esta actualización farase en consenso tanto coas entidades sociais, como cos concellos, os colexios de profesionais e as familias.

A esta iniciativa sumarase a acreditación dos centros, para blindar a calidade da atención con independencia de onde se preste e para que todos os nenos e familias accedan en igualdade a este servizo, estean onde estean. Trátase de que todas as unidades conten cuns requisitos de calidade que sexan comúns a todas.

Máis unidades e atención postemperá.

Así mesmo, a directora xeral reiterou a aposta do Executivo autonómico de seguir estendendo a rede de unidades de atención temperá por toda Galicia. Neste sentido, lembrou que proximamente abrirase no edificio Gota de Leite en Vigo un novo servizo de atención temperá e postemperá, ao que poidan acudir nenas e nenos de 0 a 12 anos.

Hoxe en día, Galicia conta xa con 51 unidades que atenden a 200 municipios e chegan a case 6.000 familias, cando fai pouco máis de 15 anos contabamos con dúas unidades que cubrían só 14 concellos e atendían a 160 familias. A este rede de unidades destínanse máis de 8 millóns de euros ao ano e á mesma hai que sumar os servizos de atención temperá que hai nos principais hospitais da comunidade.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/09/2025