A Administración autonómica inviste máis de 12 millóns de euros na modernización das instalacións dentro do seu plan de saneamento e depuración

Rueda destaca a ampliación da EDAR de Sada como exemplo de compromiso da Xunta coa calidade das augas de Galicia

Subliña que incorporará tecnoloxías avanzadas, como un reactor biolóxico que permitirá tratar un 50% máis de carga contaminante nun 40% menos de espazo

Sinala que o obxectivo é mellorar a calidade de vida nun concello que experimenta un crecemento de poboación, especialmente en época estival

A intervención forma parte dun esforzo máis amplo en materia de saneamento e depuración que, só en 2025, mobiliza máis de 151 millóns de euros a través de Augas de Galicia

Sada (A Coruña), 25 de setembro de 2025

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, acompañado pola conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou hoxe a Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Porto de Fontán, en Sada, para comprobar o avance das obras de ampliación e mellora da infraestrutura, que enmarca no compromiso do Goberno galego coa calidade das augas da vila e de toda Galicia.

A actual depuradora leva en funcionamento máis de vinte anos prestando un servizo esencial, pero cómpre adaptala á nova realidade marcada polo crecemento da poboación, especialmente en época estival, e polo aumento das esixencias ambientais e legais en materia de tratamento de augas. Neste sentido, Rueda salientou que o investimento na obra ten como finalidade “dar calidade de vida” nun concello “cun enorme potencial turístico” que precisa destas infraestruturas.

As obras iniciáronse o pasado 1 de xuño e contan cun investimento de 12,6 millóns de euros, asumido integramente pola Xunta con financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (FEDER). A actuación permitirá ampliar a capacidade de tratamento da planta para atender as necesidades dunha poboación de máis de 30.000 habitantes no horizonte de 2044, así como incorporar o tratamento dos residuos procedentes de fosas sépticas, o que redundará nunha mellora significativa da calidade ambiental.

O titular do Goberno galego resaltou que a nova EDAR incorporará tecnoloxías avanzadas, como son un reactor biolóxico que incrementará nun 50% a capacidade de carga tratada reducindo nun 40% o espazo necesario, o que permitirá multiplicar por máis do 240% a auga residual tratada sen aumentar a superficie actual.

Segundo explicou, a obra garante que Sada poderá enfrontar picos de poboación sen risco para o sistema de saneamento e minimizar os “efectos indesexados” en períodos de choiva intensa. Ademais, desenvolverase no mesmo emprazamento, garantindo en todo momento a continuidade do servizo, ata a finalización prevista nun prazo de 33 meses.

O presidente agradeceu ao Concello de Sada e a Augas de Galicia a súa colaboración e incidiu en que esta actuación é un exemplo de cooperación institucional, xa que Xunta asume o financiamento e execución, mentres que o Concello recibirá as instalacións para encargarse do mantemento e conservación.

A intervención en Sada forma parte dun esforzo máis amplo en materia de saneamento e depuración que, só en 2025, mobiliza máis de 151 millóns de euros a través de Augas de Galicia, con actuacións en execución ou licitación en concellos como Foz, Vilagarcía de Arousa, Burela ou a Illa de Arousa. Neste sentido, Rueda subliñou a importancia de que “as nosas rías, ríos e costas estean limpas”, xa que “a Galicia Calidade pola que queremos apostar” tamén afecta a este campo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/09/2025