Rueda resalta que a Xunta aforra 65 M€ en tres anos grazas á estratexia de compras centralizadas e á homoxeneización do material sanitario

Salienta a aposta da sanidade pública galega por “ofrecer os mellores tratamentos e dispositivos sen esquecer unha xestión responsable dos recursos”

O conselleiro de Sanidade indica que o Goberno galego aforrou 34,5 M€ no último ano e medio pola compra conxunta de material para as sete áreas sanitarias

O aforro acadouse a través de 11 contratos licitados por primeira vez de forma centralizada e na continuidade de 9 contratos centralizados

Na actualidade están en fase de licitación 10 contratos centralizados adicionais, cunha previsión de aforro de máis de 5 millóns de euros

O Sergas comezará a implementar tamén unha programación de contratación centralizada de medicamentos de farmacia hospitalaria para os anos 2025 e 2026, cun aforro estimado de 30,3 M€

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que “as compras centralizadas de material e medicamentos” para as sete áreas sanitarias de Galicia “permiten un aforro de 65 millóns de euros en tres anos” sen renunciar a calidade dos mesmos. En concreto, o Servizo Galego de Saúde acadou un aforro de 34,5 millóns de euros no último ano e medio pola compra centralizada de material sanitario e implantes e está previsto outros 30,3 millóns de aforro por compras conxuntas de medicamentos ata 2026. Unha cifra que seguirá incrementándose a través de novas adquisicións conxuntas de produtos sanitarios que se realizarán durante este período de tempo como, por exemplo, os 5 M€ de aforro previsto con 10 contratos de compras centralizadas que están en proceso de licitación.

 “Trátase de poñer a disposición dos galegos e galegas os mellores tratamentos, dispositivos e terapias sen esquecer unha xestión responsable dos recursos públicos”, indicou o presidente.

O Consello avaliou hoxe un informe sobre algunhas medidas levadas a cabo pola administración autonómica co obxectivo de mellorar a eficiencia económica. Tal e como explicou o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, a finalidade é apostar pola “sostibilidade económica e optimizar o sistema público de saúde” con iniciativas que permitan obter recursos para, por exemplo, poñer a disposición dos pacientes novas terapias o medicamentos.

Por unha parte, segundo o conselleiro, o Executivo logrou un aforro “ao longo de 2024 e no primeiro semestre do presente ano 34,5 millóns de euros grazas á estratexia de compras centralizadas e á homoxeneización de produtos e material sanitario no Servizo Galego de Saúde”. Concretamente, aforráronse 33,6 millóns de euros grazas á estratexia de compras centralizadas no Servizo Galego de Saúde, aos que hai que engadir o aforro doutros 863.284 euros como consecuencia da estratexia de racionalización e homoxeneización de produtos e material funxible sanitario adquirido polas sete áreas sanitarias.

Por medio da estratexia de compras centralizadas, licitáronse 20 contratos de material sanitario, de implantes e de material non sanitario, tal e como se recolle no informe da Consellería de Sanidade elevado hoxe ao Consello da Xunta.

O aforro acadado desagrégase en 11 contratos licitados por primeira vez de forma centralizada, que supuxeron un aforro de 22,7 millóns de euros, entre os que destaca a compra de equipamentos de protección individual (4,9 millóns de aforro), a subministración sucesiva de implantes de columna (aforro de 10,8 millóns) e a subministración de balóns de dilatación coronaria (aforro de 2,1 millóns).

A redución de gasto acadada tamén é consecuencia da continuidade de nove contratos centralizados, cuxo aforro acadou os 10,9 millóns de euros; neste punto destaca a subministración de implantes de marcapasos e desfibriladores (7,4 millóns de aforro) e a subministración sucesiva de equipamentos de cobertura cirúrxica (aforro de 2 millóns).

Previsión de aforro

No informe do departamento sanitario galego tamén se recolle que, na actualidade, están en fase de licitación 10 contratos adicionais, cunha previsión de aforro de máis de  5 millóns de euros, referidos a bombas de infusión, drenaxes cirúrxicas, sensores de monitorización, terapias continuas de depuración extracorpórea, hemodiálise, etc.

En consecuencia, a política de compras centralizadas do Servizo Galego de Saúde consolídase como unha ferramenta esencial para a eficiencia económica e a sustentabilidade.

Cómpre destacar que o modelo garante, en todo caso, o equilibrio entre o aforro e a calidade técnica dos materiais, evitando adxudicacións con produtos de baixa calidade.

A previsión do Goberno galego é seguir acadando aforros significativos, mantendo  a estratexia de planificación, coordinación e contratación centralizada.

Cómpre remarcar que, no proceso de adquisición de material sanitario, o Servizo Galego de Saúde sitúa a calidade asistencial como prioridade estratéxica, garantindo sempre os requisitos de calidade técnica do material adxudicado, protexendo a excelencia do servizo sanitario e a seguridade dos pacientes, ao tempo que se optimizan os servizos públicos.

Compra centralizada de medicamentos

Cómpre sinalar, así mesmo, que o Servizo Galego de Saúde está a adoptar diversas medidas de sustentabilidade para contribuír ao financiamento da innovación terapéutica e farmacolóxica, á contención do gasto farmacéutico hospitalario, así como a conseguir aforros na compra dos fármacos destinados aos seus centros sanitarios. Para tal fin, entre outras medidas, elaborou unha programación de contratación centralizada de medicamentos de farmacia hospitalaria para os anos 2025 e 2026 para a súa inmediata implementación.

Así mesmo, nos acordos de xestión que o Sergas asina coas áreas sanitarias incorpóranse indicadores para mellorar a eficiencia da prescrición extensibles a todos os profesionais sanitarios de calquera ámbito asistencial. Nesta liña, ante un fármaco idéntico, apóstase por prescribir o xenérico ou biosimilar ou, tal e como indicou o presidente, “axustar as doses ao que realmente precisa o paciente, en función duns criterios e non unha cantidade fixa”.

Desta forma, o aforro potencial estímase en 30,3 millóns de euros.

Neste marco, o Servizo Galego de Saúde prevé comezar a fabricar medicamentos CAR-T, coa conseguinte redución dos custos que supón na actualidade a adquisición destas terapias.

 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/09/2025